DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha conferencia do catedrático de Filosofía do Dereito Fernando H. Llano

O Curso de Actualización Xurídica retoma a súa actividade falando de transhumanismo

Nela abordou a relación entre o ser humano e a tecnoloxía

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Académica
DUVI Ourense 27/01/2022

O Curso de Actualización Xurídica da Facultade de Dereito arrancou este xoves a súa programación de 2022. Foi cunha conferencia a través do Campus Remoto da UVigo de Fernando H. Llano, catedrático de Filosofía do Dereito da Universidad de Sevilla, que falou sobre transhumanismo, vulnerabilidade e dignidade humana.

A conferencia foi presentada por Francisca Fernández Prol, profesora titular de Dereito do Traballo e da Seguridade Social e coordinadora do Grao en Dereito; e polas profesoras da Área de  Filosofía do Dereito UVigo Susana Álvarez e Ana Garriga. Na súa intervención, Susana Álvarez destacou, ademais da dilatada traxectoria do relator, o feito de que o tema elixido para esta primeira conferencia de 2022 é “un tema novidoso e de notable actualidade, cuxo tratamento influirá sen dúbida en moitas propostas de políticas públicas e lexislativas que se están xestando na actualidade, tanto a nivel internacional como tamén a nivel europeo, e que se trasladan ao ámbito estatal”.

A superación do natural

Ao longo da súa intervención, o convidado realizou un percorrido polo concepto e tipoloxías do transhumanismo e falou de humanismo tecnolóxico e de singularidade tecnolóxica, do trunfo da intelixencia artificial sobre a humanidade. Tamén se achegou ao “complexo” marco xurídico desta intelixencia artificial e da robótica na Unión Europea. Facendo referencia aos clásicos cinematográficos sobre o relación do home e a tecnoloxía, Fernando H. Llano comentou que no último estadio desta relación o que se prantexa “é que é a tecnoloxía a que acaba dominando ao home”. Iso, indicou, “supón unha ruptura co paradigma humanista, que é no que nos formamos todos e no que o ser humano é o centro, a medida de todas as cousas”.

Na súa conferencia partiu da aproximación conceptual do filósofo francés Luc Ferry, que definiu o transhumanismo como “un amplo proxecto de mellora da humanidade actual en todos os seus aspectos, físico, intelectual, emocional e moral, grazas aos progresos das ciencias, e en particular das biotecnoloxías”. A medicina e a enxeñaría xenética permitirían segundo esta doutrina ese avance. O prantexamento transhumanista, indicou Fernando H. Llano, ve na tecnoloxía a superación do natural humano. Así, lembrou como segundo Luc Ferry unha das características esenciais deste movemento sería “o feito de que pretende pasar dun paradigma médico tradicional, o da terapéutica, que ten como finalidade principal reparar, coidar enfermidades e patoloxías, a un modelo superior, o da mellora e tamén perfeccionamento do ser humano”. Entre as tipoloxías de transhumanismo existentes, o catedrático de Filosofía do Dereito da Universidad de Sevilla indicou que ademais do cultural e o biolóxico estaría o cibernético, “que sería en realidade un auténtico posthumanismo, na medida en que pretende crear unha nova especie a partir da hibridación home/máquina (e que recorre preferentemente á robótica e á intelixencia artificial máis que á bioloxía)”.