DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Contará coa participación do xestor de capitais Alejandro José Rodríguez Álvarez, Sir Alvarez

O Curso Advanced Trading achegará á comunidade universitaria o funcionamento dos mercados financeiros

O prazo de matrícula remata o día 24 e a docencia arranca o 26

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 22/02/2021

Coa pandemia da covid-19, o confinamento duro da pasada primavera e o incremento do tempo que se pasa na cada, tamén creceu o interese de moitas persoas polos mercados financeiros, incrementándose exponencialmente o número de usuarios. Pero para sacarlle rendemento económico é preciso contar cunha de coñecementos, unha formación que ofrece dende hai anos o Curso Advanced Trading da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. O prazo de matrícula está aberto e a docencia, que se desenvolverá en modalidade virtual síncrona, comezará a partir do 26 deste mes de febreiro.

Enmarcado na programación da Vicerreitoría de Organización Académica e Profesorado, este curso está dirixido polos profesores Jorge Vila Biglieri e José Luis Sáez Ocejo, do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade da Universidade de Vigo, coa colaboración do experto Pablo Iglesias Hernández, xestor de patrimonios. Pero esta edición conta tamén con un convidado especial, Alejandro José Rodríguez Álvarez, máis coñecido como Sir Alvarez en redes sociais. @siralvarezz conta con máis de 1600 seguidores en Instagram e envía periodicamente recomendacións de inversión en Forex, Futuros e Cryptos aos seus seguidores de Telegram. Vila Biglieri e Sáez Ocejo destacan que “o verdadeiramente importante é a súa capacidade como xestor de capitais de varios importantes clientes e os seus coñecementos sobre trading robotizado”. 

A cuarta edición do curso comprende tanto charlas-conferencias como sesións prácticas, apoiándose sempre no  uso das novas tecnoloxías, coa finalidade de “transmitir coñecementos e experiencias para que as persoas participantes adquiran a súa forma personalizada de facer trading”. En total, 25 horas, con máis de sete de sesións titoriais, os días 26 de febreiro, 4-5 de marzo, 11-12, 18 e 25-26 de marzo de 16.30 a 19.30 horas. As clases terán unha duración de tres horas con descansos incluídos. O prazo de inscrición e matrícula finaliza o 24 de febreiro. 

19 de marzo, tripla hora meiga

As e os participantes terán un cita moi especial o día 19 de marzo, “cando se vai producir unha tripla hora meiga, é dicir, que nesa data “vencen os contratos trimestrais de opcións e futuros sobre índices e as opcións sobre acciones nos mercados financeiros”. Coincidindo con este intre, engaden os docentes, “desenvolveremos unha estrutura de inversión”. Ademais, ao longo da formación tamén se ofrecerá unha visión sobre o panorama actual do mercado financeiro, argumentando as posibles decisións de inversión futuras nos mercados bolsistas, incluíndo aspectos relacionados con accións, Forex, Nasdaq, futuros, opcións, derivados, produtos estruturados, Cryptos ou robotraders. 

Este obradoiro complementa o curso de Introdución á Bolsa da Escola Universitaria de Estudos Empresariais, que actualmente está a desenvolver a súa décimo oitava edición. Aínda que se parte de coñecementos básicos, Jorge Vila Biglieri e José Luis Sáez Ocejo remarcan que “dende o primeiro día se poderá facer trading nunha plataforma en liña” e, gradualmente, iranse explicando os aspectos teóricos e prácticos, permitindo unha aprendizaxe autónoma e adaptando o nivel a cada estudante. Explican que moitas persoas teñen experiencia en trading pero precisan coñecer as ferramentas en liña para complementar os seus ingresos, polo que o curso é tamén “recomendable para neófitos, parados, xubilados, etc. porque permite familiarizarse cos mercados financeiros”.