DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A actividade desenvolverase en setembro nos campus de Vigo e Ourense

Un curso afondará nos retos da lonxevidade

Está destinado especialmente ao profesorado que traballa con alumnado sénior

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Saúde
  • Académica
DUVI Ourense 26/07/2019

A revolución da lonxevidade: tendencias, retos e oportunidades. Este é o título dun curso do Programa de Formación Permanente do Persoal Docente e Investigador da Universidade de Vigo que se celebrará en setembro nos campus de Ourense e Vigo. A iniciativa está especialmente dirixida ao profesorado que traballa con alumnado sénior na institución académica. A actividade, de 30 horas de formación, está coorganizada pola Vicerreitoría de Responsabilidades Social, Internacionalización e Cooperación e pola Área de Formación e Innovación Educativa.

Os obxectivos desta iniciativa son identificar os conceptos en positivo asociados á lonxevidade e ao envellecemento; deseñar proxectos que entendan o fenómeno da revolución da lonxevidade; rachar cos estereotipos negativos asociados á idade e incorporar unha linguaxe coherente coa imaxe social actual deste colectivo. Así, o programa arrancará coa abordaxe do fenómeno da lonxevidade, tocando temas como a demografía, o envellecemento activo ou a chamada economía prateada. Seguirá achegándose ao perfil das persoas de máis de 60 anos, falando da súa imaxe social, da súa heteroxeneidade e dos seus roles, demandas e intereses. Durante a formación tamén se tocarán as principais liñas de traballo neste eido no marco do financiamento europeo e a idea de aprendizaxe ao longo da vida e o papel da universidade fronte a este reto. Neste último punto, a Universidade de Vigo conta cun Programa Universitario de Maiores desde o ano 2002 e, dende entón, xa pasaron polas súas aulas preto de 6000 alumnos e alumnas, participando neste curso 2018-2019 539 estudantes, 324 no campus de Vigo, 133 no de Ourense e 82 en Pontevedra.

A parte presencial do curso desenvolverase o día 4 de setembro nos dous campus e a parte non presencial do 5 ao 20 de setembro. A actividade está destinada a todo o persoal docente e investigador da Universidade de Vigo, tendo preferencia o que imparte docencia no Programa Universitario de Maiores e o persoal investigador interesado na temática do curso. No caso de quedar prazas dispoñibles poderán participar outras persoas interesadas na formación. A docencia correrá a cargo de Noelia López, titulada en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo e a Universität Hildesheim que participa no programa de emprendemento social Momentum Project de Esade e é coach internacional por pola International Coaching Community, e Sara Marsillas, doutora en Psicoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela que ten praticipado en diferentes proxectos relacionados co envellecemento activo.