DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvolverase na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte entre o 10 e o 31 de marzo

Un curso amosará como converter a música contemporánea nunha ferramenta didáctica

Impartido pola pianista María Domínguez, pon o foco na aprendizaxe competencial

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantado
  • Música
  • Académica
DUVI Pontevedra 02/03/2023

Tanto para a abordaxe das expresións culturais e artísticas, como para promover o traballo cooperativo ou para desenvolver capacidades como a escoita, a coordinación ou a creatividade, a música pode servir como o punto de partida de múltiples propostas didácticas. Explorar as posibilidades da música contemporánea como ferramenta educativa, en especial no relacionado coa adquisición de competencias de forma vivencial, é o obxectivo do curso que a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte acollerá neste mes de marzo. Coordinado pola profesora Sara Domínguez Lloria e impartido pola pianista María Domínguez, o seminario Música contemporánea como ferramenta para a aprendizaxe competencial está dirixido tanto ao alumnado do centro como a profesorado de educación infantil, primaria e secundaria.

Aberto á participación dun máximo de 30 persoas, que poden inscribirse a través do correo inscripcion.cursocontemporaneo@gmail.com, trátase dun curso para o que “non fai falla ter coñecementos musicais previos”, como destaca Domínguez Lloria, xa que “o que se pretende é empregar a música como ferramenta e non como contido”. De feito, o obxectivo dunha actividade que se desenvolverá nas tardes dos venres, entre o 10 e o 31 de marzo, é que profesorado e futuros docentes “obteñan recursos e materiais relacionados coa música contemporánea, para poder empregalos a posteriori na aula”. Farao contando coa participación como docente de María Domínguez Pérez, quen combinou na súa traxectoria como pianista as súas actuacións como solista e a colaboración con formacións como a Orquestra Sinfónica BMK, a Orquestra Amikejo ou a Orquestra Nacional dos Países Baixos, coa dirección artística de proxectos de música contemporánea ou experimental como Contenco ou Pulso Ensemble. 

Dos controladores a facer música con obxectos cotiás

Baseado no “uso de metodoloxías activas”, o curso englobará unha serie de actividades, estruturadas arredor de catro bloques temáticos: improvisación, interpretación, audición e tecnoloxía. Con esa idea, a formación combinará unha “contextualización histórica e estética do tema a tratar”, como explica María Domínguez, cunha serie de propostas de carácter práctico. As e os participantes afondarán nese senso na creación sonora con “materiais tecnolóxicos”, como ordenadores ou “algún controlador”, pero tamén con obxectos “que forman parte do noso día a día”, como “botellas, cepillos, obxectos metálicos...”, como sinala esta pianista. “Calquera utensilio será útil para crear efectos sonoros, ritmos e pequenas composicións colectivas”, engade Domínguez. De feito, aínda que para algúns exercicios empregaranse instrumentos de percusión, a actividade centrarase no traballo con “instrumentos non convencionais”, coa idea, explica, “investigar e explorar diferentes resultados sonoros”.

Nese senso, entre os obxectivos do curso figura tanto a utilización das TIC “como recurso de creación e interpretación musical” como a construción de “paisaxes sonoras a través de obxectos non convencionais”, así como abordar a integración da música con “diferentes linguaxes expresivas”. De aí que entre as actividades previstas para as diferentes sesións figure tanto un achegamento á música aleatoria, como a preparación dun happening, no que se combinen elementos musicais con outros de carácter visual e dramático, así como a “creación dunha composición libre a través de haikus” ou a “dunha paisaxe sonora onde se plasmen os sons da cidade”. Do mesmo xeito, a actividade busca tamén achegar aos e ás participantes á música contemporánea, de tal xeito que varias das actividades propostas terán como punto de partida composicións de John Cage, Philip Glass, Cathy Berberian, Alban Berg ou Steve Reich. 

Música para o desenvolvemento de competencias 

O curso ten como punto de partida a importancia outorgada á “aprendizaxe competencial” no desenvolvemento do modelo curricular tras á aprobación da Lomloe, que sinala “a competencia en expresións culturais, a competencia dixital” e as chamadas soft skills como aspectos “que todo o alumnado debe posuír para o seu desenvolvemento integral”, como sinalan as responsables deste curso. Nese senso, a idea de pór en marcha esta formación xurdiu do propio traballo que María Domínguez desenvolve para a súa tese de doutoramento, codirixida por Domínguez Lloria, sobre as posibilidades da música contemporánea para o ensino de diferentes competencias “Pareceunos interesante impartir un curso para avaliar como o profesorado pode mellorar competencias empregando esta ferramenta”, engade a docente, que incide en que, a partir de aí, o propósito é ir máis aló deste curso e “elaborar a longo prazo un programa que poida implantarse para mellora destas competencias”.