DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O curso comeza con importantes novidades no eido das infraestruturas

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M.Del Río  DUVI 25/09/2007

O comezo do curso trae consigo unha morea de novidades no eido das infraestruturas nos tres campus. En Vigo o curso 2007-2008 vai ser o ano
de CITEXVI. Está previsto o remate das obras do Módulo Tecnolóxico Industrial ao que estará vinculado o Centro de Eficiencia Enerxética, para o que se está preparando un plan de viabilidade con empresas do sector e a Xunta de Galicia.
Tamén a finais do 2008 estará listo o proxecto executivo do Módulo Biosanitario. Será un centro mixto construído conxuntamente co Sergas e pensado de cara ao novo hospital de Vigo.
A mediados do 2008 tamén está previsto o inicio do expediente de urbanización de estación de ciencias mariñas de Toralla, ECIMAT.
Tamén será un curso importante para Gradiant, xa que debería comezar a funcionar a súa dirección académica.
Biblioteca de Ciencias, pola súa banda, tamén estará rematada a finais deste curso, de xeito que poida estar lista para o comezo do vindeiro ano académico. concurso se resolva este ano, comezar as obras.
Tamén será este o ano do proxecto das Vías Elevadas. Está previsto que o concurso se resolva neste curso e poidan comezar as obras na súa primeira fase.
No campus de Ourense as novidades pasan pola execución do programa de obras do Centro de Investigación, Transferencia e Innovación, CITI, no Parque Tecnolóxico de Galicia en Ourense. Centrado na investigación agroalimentaria, será inaugurado neste primeiro cuadrimestre.
Ao longo do 2008 tamén se executará unha planta no Centro Tecnolóxico da Carne en Ourense. Nela participa a Universidade conxuntamente con Coren para traballar en temas de seguridade e calidade alimentaria.
Por outra banda, tamén son unha prioridade infraestruturas como as pistas de atletismo e piscina do campus.
En Pontevedra o edificio de Ciencias da Educación e do Deporte entrará na terceira fase coas obras do módulo de departamentos e laboratorios e a sala de vestiarios. Ao longo deste curso tamén se agarda a resolución dos temas urbanísticos dos terreos de Tafisa para poder pechar o proxecto executivo do Edificio das Artes antes do remate do 2008.
Finalmente tamén está moi avanzado o tema da gardería, que se pretende que estea nos terreos do campus en dirección cara ao río Lérez. Neste curso lavarase a cabo o estudo previo para o inicio do proceso da construción.