DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha vintena de persoas asisten á formación en Ciencias Empresariais e Turismo

Un curso de economía social no rural reactiva a programación de extensión universitaria

En setembro celebraranse un total de cinco destas actividades

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 07/09/2021

Comeza o curso académico 2021/22 e entre a oferta complementaria que xa teñen á súa disposición no campus de Ourense os membros da comunidade universitaria e a cidadanía en xeral están os cursos de extensión universitaria que arrancaron o pasado mes de xullo, os coñecidos como cursos de verán. Baixo o título Estratexias para o desenvolvemento do medio rural: unha visión dende a economía social, xa está a celebrarse o primeiro deles.

Unha ferramenta para o desenvolvemento

O curso, que celebra do 1 ao 9 de setembro a súa primeira edición, está dirixido polos profesores Alberto Vaquero e María Montserrat Cruz, da Facultade e Ciencias Empresariais e Turismo onde ten lugar a actividade. A ela asisten unha vintena de persoas, na maior parte alumnado da UVigo tanto de grao, como de posgrao como do Programa Universitario de Maiores. A idea de pór en marcha esta iniciativa, que conta co apoio da Vicerreitoría do Campus de Ourense e do Colexio de Economistas de Ourense, explica Alberto Vaquero, xurdiu no marco da liña de traballo do Grupo de Investigación Gen, do que forman parte os responsables do curso, en temas relacionados coa economía social e que se ten materializado en diferentes accións, como publicacións. Os obxectivos da actividade, tal e como indican os seus promotores, son dar a coñecer a importancia da economía social como motor de desenvolvemento no rural e ofrecer ás e aos asistentes coñecementos teórico-prácticos, de tipo estratéxico, económico, financeiro e organizacional, para entender o seu funcionamento e para o desenvolvemento dun proxecto neste eido. Para acadar estes retos, no programa da formación mestúranse conferencias presenciais con visitas a proxectos empresariais da contorna (como Viña Costeira, Coren, Posada Marrón Glacé e Aboamigalla), achegándose a aspectos como o cooperativismo e o márketing.

Sobre a importancia dos contidos abordados na formación, Alberto Vaquero recalca que “a economía social configúrase como un actor moi importante da cooperación ao desenvolvemento, especialmente en todo o que supón potenciar as zonas rurais e economicamente deprimidas, ao permitir iniciativas empresariais economicamente viables e, ao mesmo tempo, sostibles a medio e longo prazo”. Esta economía, engade o profesor da UVigo, é un dos principais motores de desenvolvemento, posto que facilita a redución de desigualdades en ámbitos diferenciados como poden ser o económico-poboacional, cultural ou laboral, contribuíndo de maneira positiva a que as desigualdades nestes terreos se reduzan significativamente. Ademais, engade, “ten un importante papel a nivel local e rexional, o que permite unha mellora económica a nivel nacional, posibilitando un emprego de maior calidade e un crecemento económico inclusivo”.

Máis opcións

A programación de extensión universitaria pendente para este mes de setembro inclúe tamén o curso Potencial da biomasa residual como fonte de produtos de alto valor engadido: un avance cara a sustentabilidade, dirixido desde a Facultade de Ciencias por Beatriz Gullón, Gil Garrote e Pablo García. Nel investigadoras e investigadores de universidades estatais e lusas abordarán, de xeito presencial ou virtual segundo o caso, a revalorización de biomasa residual no contexto da bioeconomía e a economía circular, achegándose ao aproveitamento de subprodutos da industria agroalimentaria e forestal, como palla de cebada, aceites vexetais ou restos de patacas. Do 20 ao 29 de setembro, a Facultade de Educación e Traballo Social acollerá á súa vez un curso sobre Como facer fronte ao estrés, dirixido pola psicóloga e profesora deste centro Encarnación Sueiro. Nel, o alumnado afondará, desde un punto de vista teórico pero tamén práctico, na aplicación das diferentes estratexias para xestionar o estrés en diferentes ámbitos.

Xa fóra do campus de Ourense, do 23 ao 25 de setembro o Hospital da Trinidade na vila ourensá de Monterrei acollerá a celebración do curso Arqueoloxía, prehistoria e historia nas terras de Monterrei, dirixido polo arqueólogo Martiño Xosé Vázquez. Na actividade, o alumnado poderá achegarse, da man de historiadores de diferentes institucións e a través tanto de conferencias como de visitas guiadas, a diferentes momentos da historia desta zona. Por último, un ano máis a programación de extensión universitaria do campus inclúe a celebración do Curso de medios audiovisuais, que nesta ocasión traslada a súa celebración de Celanova á cidade de Ourense. Baixo a dirección do profesor Miguel Anxo Fernández e co título Rodado en Ourense. Os novos desafíos e transformacións do audiovisual galego, a cita terá lugar do 27 ao 30 de setembro no Centro Cultural Marcos Valcárcel.

Os cursos, organizados con financiamento da Deputación de Ourense, teñen entre 25 e 50 prazas dispoñibles e o número de horas entre 30 e 34. Por cada 30 horas de formación, as persoas matriculadas poden obter un crédito ECTS. Os prezos tamén varían en función do tipo de curso e do tipo de público, abranguendo desde os 6,5 ata os 35,75 euros.