DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Baixo o título de "A fiscalidade sobre a renda das persoas físicas", comezará o 8 de xuño

Un curso ensinaralle aos contribuíntes a liquidar as súas contas coa Axencia Tributaria

Diríxeno os profesores Alberto Vaquero e Fidel Picos, da Facultade de Ciencias Empresariais e Turism

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 31/05/2010

Explica Alberto Vaquero, profesor da área de Economía Aplicada da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, que o Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas –IRPF- afecta a 14 millóns de contribuíntes cada ano e sofre cambios importantes continuamente, unha realidade que fai que, na súa opinión, “sexa moi necesario coñecer de primeira man como se deben liquidar as nosas contas con Facenda”.
Analizar as principais características non só do IRPF senón tamén do Imposto para Sucesións e Doazóns (ISD) e explicar o seu proceso de liquidación é o obxectivo do curso A fiscalidade sobre a renda das persoas físicas, unha actividade dirixida polos docentes Alberto Vaquero e Fidel Picos que se desenvolverá durante os días 8 a 15 de xuño no Edificio Xurídico-Empresarial. O prazo de inscrición xa está aberto para cubrir as 40 prazas de que consta o curso, que se irán concedendo por orde de entrega das solicitudes.
As xornadas constan dun total de 31 horas que se repartirán de xeito intensivo ao longo de seis días e nas que se combinará a parte teórica dos relatorios coa práctica. Nesta nova edición da iniciativa intervirán docentes especializados na materia, unha calidade do curso especialmente subliñada por Alberto Vaquero posto que permite aos seus promotores garantir unha maior calidade dos relatorios. Segundo explica, “todos os relatores son especialistas de primeiro nivel na fiscalidade aplicada que contan cunha ampla experiencia docente de entre 10 e 15 anos”.

Coñecementos de utilidade para facer a renda

Con todo, o profesor Vaquero fai especial fincapé na parte práctica do curso, que se desenvolverá nos laboratorios informáticos e na que os asistentes terán a posibilidade de aprender a utilizar programas informáticos como o PADRE (para o IRPF) e o ALIS (para o ISD), uns coñecementos de grande importancia sobre todo agora que comezou o campaña de liquidación da renda.
O curso comezará o día 8 de xuño cun relatorio sobre a Liquidación básica do IRPF impartido polo profesor Fidel Picos. Será o inicio dun ciclo de intervencións que abordarán aspectos básicos da fiscalidade como os Rendementos do traballo, os Rendementos de actividades económicas e os Rendementos do aforro e do investimento para dedicar o último día da actividade ao Imposto sobre Sucesións e Doazóns.
A maioría dos asistentes ao curso da Fiscalidade sobre a renda das persoas físicas procede da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo pero Alberto Vaquero matiza que a iniciativa está aberta a todas as persoas interesadas na temática “que queiran saber como se liquidan as contas coa Axencia Tributaria”, sinala.
As xornadas chegan este ano á súa décima edición co reto de manterse durante moitos máis anos. Para iso e segundo asegura Alberto Vaquero, “cada nova edición tratamos de superarnos un pouco. De feito, en vindeiras convocatorias trataremos de ampliar os contidos informáticos aplicados aos impostos, unha das partes máis valoradas polos participantes”, declara.