DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na primeira edición contou con profesorado e alumnado de 11 países 

O Curso de especialista en dereito laboral e da Seguridade Social volve apostar pola internacionalización na súa segunda edición 

Está dirixido por Alexandre Pazos Pérez e Jaime Cabeza Pereiro 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 23/01/2023

“É un curso único, debido a que nel participan profesores de diferentes países, o que permite ofrecer unha visión do Dereito Comparado na materia de Dereito do Traballo  e da Seguridade Social. O corpo docente fórmano prestixiosos especialistas internacionais de recoñecido prestixio e igualmente o alumnado tamén está composto por persoas de diferentes nacionalidades, o que o converte nun curso único, nun mercado laboral cada vez máis globalizado, no que se require profesionais especializados”. Con estas verbas pon de relevo o docente e investigador do Departamento de Dereito Público Especial, e director, xunto ao catedrático Jaime Cabeza Pereiro, do Curso de especialista en dereito laboral e da Seguridade Social, Alexandre Pazos Pérez, a aposta pola internacionalización desta iniciativa, que oferta a Escola Aberta de Formación Permanente da UVigo.

Formar profesionais de perfil xurídico, cun coñecemento global e de especialización nas áreas do Dereito Laboral e da Seguridade Social, e con capacidade de liderar o desenvolvemento de proxectos e adaptarse de maneira eficiente a unha contorna de rápida evolución, é obxectivo fundamental do curso, que acada este ano a súa segunda edición. 50 son as prazas que oferta o Curso de especialista en dereito laboral e da Seguridade Social, que se desenvolverá de xeito presencial/virtual ao longo de 110 horas. “O título proporciona a quen o curse a estrutura xeral e conceptos fundamentais da disciplina xurídica-laboral, para que, sobre a base dos mesmos, poidan identificar, analizar e dar solución aos problemas xurídicos. Unha vez alcanzados estes obxectivos, os titulados terán maiores competencias no exercicio das profesións xurídicas, ás Administracións públicas e a empresas, coas funcións de asesoramento legal, representación e defensa legal, defensa da lexislación e dos dereitos dos cidadáns de ámbito internacional”, explican os directores. 

Persoas destinatarias e prazos

Titulados e tituladas en Dereito, Relacións Laborais e Recursos Humanos, Ciencias do Traballo, Ciencias Económicas e Empresariais e Administración e Dirección de Empresas ou diplomadas en Relacións Laborais son as destinatarias do curso, que outorga un título en especialista en dereito laboral e da seguridade social que proporciona ferramentas que permiten ao alumnado adquirir competencias que melloran a súa empregabilidade. “O curso permitirá ao alumnado coñecer os principios, fontes e características do Dereito Laboral como disciplina autónoma e analizar as distintas institucións do Dereito Laboral Individual e Colectivo e da Seguridade Social. Ademais, permitirá identificar as interaccións da lexislación laboral e os sistemas constitucionais de diversos países, así como as que se producen entre os órganos representativos de traballadores e empregadores na determinación das condicións laborais”, detallan os directores. 

A inscrición permanecerá aberta ata o 27 de xaneiro, mentres que a formación comezará o 6 de febreiro e se prolongará ata o 16 de marzo. “Na primeira edición do curso matriculáronse 31 persoas de diferentes países. A valoración que fai o profesorado e o alumnado é moi positiva, porque ao ser virtual permite realizar un curso a nivel internacional con profesorado e estudantado de máis dunha decena de países sen custos de manutención, desprazamento e aloxamento”, destaca Alexandre Pazos.