DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvólvese ata o 18 de xullo no Centro de Innovación Social Dixital A Molinera

Un curso de extensión afonda nas posibilidade do prototipado con ferramentas 4.0

É unha iniciativa de membros do Grupo de Investigación Sing

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Ourense
  • Cultura
DUVI Ourense 11/06/2018

Experto en prototipado con ferramentas 4.0: proxectos robóticos, electrónicos e microinformáticos. Este é o título dunha das principais novidades formativas da programación de cursos de extensión universitaria que este ano se organizan desde o campus de Ourense co financiamento da Deputación Provincial de Ourense. Desde o pasado 5 de xuño e ata o día 18 de xullo, 35 persoas están formándose no Centro de Innovación Social Dixital A Molinera, do Concello de Ourense, nun curso que lles ofrece os coñecementos básicos necesarios para desenvolver todo o proceso de elaboración dun prototipo, desde a súa programación e electrónica ata a súa impresión en 3D. 

O curso está dirixido polo catedrático Florentino Fernández-Riverola e polo profesor José Ramón Méndez Reboredo, do Grupo de Investigación Sing (Sistemas Informáticos de Nova Xeración) do Departamento de Informática da Universidade de Vigo. “A acollida foi todo un éxito, esgotándose as prazas o mesmo día que se presentou o curso”, comentan os seus responsables. Cunha duración de 60 horas impartidas en horario de tarde na Molinera, a formación divídese en tres módulos, un primeiro de electrónica e programación, un segundo de corte con láser e un terceiro de impresión 3D. 

Os “básicos” de calquera proxecto electrónico 

Segundo detallan os directores do curso, “o crecente interese polo desenvolvemento de sistemas electrónicos e microinformáticos orientados ao control de calquera proceso ou sistema e nun escenario onde todo dispositivo tende a conectarse a Internet, o uso de sensores e actuadores en combinación con circuítos electrónicos e microinformáticos posibilita o control de calquera sistema”. Neste marco, apuntan, o desenvolvemento de placas de circuíto impreso que integren todos os compoñentes eléctrico/electrónicos, así como o coñecemento de principios básicos de electrónica, “resultan imprescindibles para abordar o deseño e implementación de calquera  proxecto electrónico”. Pechando este círculo, engaden Fernández-Riverola e Méndez Reboredo, “xorde a necesidade de integrar estes proxectos no interior dun colector, que achegue unha serie de características como robustez, ergonomía e protección ante axentes ambientais externos, utilizando para iso tecnoloxías de impresión 3D e corte láser que achegan un plus no acabado e calidade do prototipo final”.

Para abranguer todo este proceso de creación, os obxectivos do curso, sinalan os seus responsables, abranguen cuestións como capacitar ao alumnado para o desenvolvemento de circuítos electrónicos, para deseñar e fabricar prototipos electrónicos e programables funcionais e para comprender os fundamentos básicos do deseño de placas de circuíto impreso. Ao longo das sesións, as e os participantes, aprenderán ademais a manexar o instrumental necesario na construción de prototipos que manexan hardware electrónico e iniciaranse no mundo do hardware libre e os microcontroladores utilizando a plataforma Arduino e no manexo dunha ferramenta de deseño vectorial. Tamén terán a oportunidade de iniciarse no corte láser, utilizando para iso unha cortadora láser de tecnoloxía CO2 e na tecnoloxía de impresión 3D para a fabricación de prototipos, achegándose ademais á calibración e utilización destas impresoras e ao deseño paramétrico de pezas 3D. Para o correcto seguimento do curso por parte do alumno, cada alumno e alumna conta co seu propio paquete de material electrónico proporcionado pola organización.