DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O curso de iniciación ao rugby remata cun salientable éxito de participación

O punto final porao un torneo entre equipos galegos e portugueses

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
M. Del Río DUVI 23/11/2007

Un total de doce equipos tomarán parte este sábado no II Torneo de Rugby a Sete, que porá punto final ao curso de iniciación a este deporte que se desenvolveu nas pasadas semanas. Conxuntos galegos e portugueses, tanto en categoría masculina como feminina tomaran parte nesta actividade que se desenvolverá o sábado no campo herba natural do campus de Vigo.
Este torneo pon o pecha ao curso de iniciación ao rugby que, dende os meses de outubro e novembro, organizou o Servizo de Deportes e o Universidade de Vigo de Rugby. Trátase deste xeito de fomentar a práctica desta disciplina e achegala tanto á comunidade universitaria como á sociedade en xeral. Esta segunda edición do curso péchase cun alto grao de participación, xa que contou con preto de 100 participantes, 60 en categoría masculina e 40 na feminina, que puideron coñecer tanto a teoría como a práctica do rugby. En total foron 22 horas de preparación repartidas en seis sesións de adestramento e dúas charlas informativas, despois das cales os alumnos poderán poñer en práctica o aprendido neste torneo de rugby sete.
O torneo dará comezo o sábado ás 10.30 da mañá e alongarase ata as 18 horas. Entre tanto, ás 13.10 haberá un partido de exhibición entre os equipos cadetes de Vigo e Lalín. Posteriormente farase entrega dos trofeos e a celebración continuará na cidade, na Festa 3º Tempo no Bar Melé.
Despois do éxito deste convocatoria, as actividades de difusión destes deporte continuarán nos meses de abril e maio, nos que se celebrará un curso de tecnificación.

Competición oficiais

Pero o rugby nesta fin de semana non queda aquí. O Universidade de Vigo de Rugby da División de Honra B xoga este domingo en Oviedo un encontro que se presente como de gran importancia para poder abandonar a penúltima praza. O equipo segue arrastrando múltiples baixas que complican as cousas para Aníbal Babini de cara a un partido no que enfronta a un rival que, igual ca eles, unicamente gañou un encontro.
Pola súa banda, o equipo B xoga o domingo ás 12 da mañá en Vigo contra o Almallo de Ferrol, mentres que o equipo xuvenil farao en Lalín.