DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O período de matrícula deste obradoiro virtual está aberto ata o 4 de febreiro

O curso de introdución á bolsa chega á maioría de idade

A docencia desenvolverase durante o mes de febreiro

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI 13/01/2021

“Rally post-covid”. Así describen a nova edición do curso introdutivo á bolsa os seus organizadores, José Luis Sáez Ocejo e Trinidad González-Portela, profesores do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade e de Organización de Empresas e Márketing. Convocado anualmente pola Universidade de Vigo co obxectivo de complementar a formación do alumnado nunha materia cambiante, este obradoiro suma 18 anos de traxectoria, o que demostra a súa grande aceptación. 

O programa estenderase entre o 4 e o 23 de febreiro e constará de 28 horas lectivas, distribuídas en xornadas de dúas, tres e catro horas. Debido ás circunstancias sanitarias actuais, todas as sesións do curso serán de carácter virtual, sendo obrigatoria a asistencia en directo dos participantes. 

Coñecer a bolsa de valores dun xeito teórico e práctico

Os directores do curso son conscientes de que a bolsa ocupa un lugar moi importante na realidade económica española xa que, segundo afirman, “constitúe cada vez máis unha alternativa para o aforro de particulares e institucións que lles permite obter unha rendibilidade, aínda asumindo riscos maiores”. Observando este crecemento mundial do aforro financeiro, Sáez Ocejo e González-Portela queren proporcionar coñecementos prácticos sobre aspectos de actualidade, como as características xerais das bolsas nacionais e internacionais, as innovacións dos produtos financeiros, a capacidade de prognóstico das tendencias económicas, a preparación da toma de decisións ou as vantaxes e inconvenientes dos fondos de pensións. 

Neste senso, o programa do XVIII Curso de introducción a la bolsa. Rally bursátil post-covid conta con sete módulos impartidos por seis profesionais do sector. Enrique Lago, que foi profesor do Departamento de Fundamentos de Economía da UVigo, inaugurará a docencia co primeiro relatorio, unha introdución ao sistema financeiro na que presentará o funcionamento do mercado de valores e os seus volumes de contratación. Nesta xornada inaugural, os asistentes tamén poderán observar a evolución do patrimonio dos inversores e analizar os datos estatísticos das bolsas actuais. 

Os docentes do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade Irene Garrido e José Luis Sáez Ocejo participarán nos módulos dous e cinco, que versan sobre o funcionamento do mercado e a análise fundamental. Garrido comentará as principais operacións bolsistas para explicar como xorde na práctica cotiá a contratación de produtos financeiros, mentres que Sáez Ocejo preparará ao alumnado para previr tendencias coa análise das aproximacións máis características, as chamadas bottom up e top down

No módulo tres, vinculado coa fiscalidade dos produtos financeiros e dirixido por Sara Sáenz-Díez, licenciada en Dereito, exporanse as principais innovacións deste tipo de activos e a súa relación con Facenda. Pola súa banda, o licenciado en Ciencias Empresariais Pablo Iglesias Hernández será o encargado dos módulos catro e seis, dedicados ao mercado de derivados e a análise técnica do ciclo económico e bolsista, respectivamente. Iglesias Hernández fará fincapé no “extraordinariamente rendible que pode resultar a inversión en opcións e futuros” e estudiará as principais teorías que axudan a tomar decisións a curto prazo, como a teoría de Dow ou a onda de Elliott. 

A derradeira sesión tratará sobre a xestión do patrimonio persoal como complemento aos plans de pensións e será impartida por Miguel Crespo, xestor de activos e pasivos no eido profesional. Crespo valorará estratexias para planificar e deseñar unha carteira de valores que permitan obter beneficios no futuro. 

Prazo de inscrición 

Dirixido a graduados, estudantes, profesionais e persoas interesadas en xeral, o obradoiro conta con prazas limitadas que serán cubertas segundo a orde das solicitudes. O custo da matrícula é de 50 euros para alumnado matriculado actualmente na UVigo e de 120 euros para persoas alleas á comunidade universitaria.   

As interesadas e interesados poden inscribirse ata o 4 de febreiro ás 14h, o mesmo día de inicio da actividade, e os trámites deben realizarse a través da plataforma virtual Bubela