DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Esta vixésima edición desenvolverase entre o 25 de outubro e o 7 de novembro

O Curso de Introdución á Bolsa cumpre 20 anos

Como novidade incluirá un módulo sobre inversións alternativas e criptomoedas

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 13/10/2022

Vinte edicións e sumando. O Curso de Introdución á Bolsa é un dos programas formativos máis lonxevos de todos os que oferta a Universidade de Vigo e este mes arranca a súa vixésima edición, que se impartirá na Facultade de Comercio. A dirección do mesmo corresponde ao profesor do Departamento de Economía financeira e contabilidade José Luis Sáez Ocejo e á tamén docente Trinidad González-Portela Garrido, do Departamento de Organización de empresas e márketing. Ambos son os responsables dun programa que se impartirá de xeito presencial en horario de tarde entre os días 25 de outubro e 7 de novembro baixo o paraugas da Escola Aberta de Formación Permanente. 

Ao longo das 34 horas de docencia, as persoas asistentes poderán achegarse a “diversos aspectos relacionados coa Bolsa de Valores, dende o estudo básico do que é e do que significa no marco mercado financeiro español, ata as principais estratexias de inversión orientadas ao estudo da análise fundamental e análise técnica, tanto con valores de renda variable como o mercado de derivados”, explica Sáez Ocejo. Ademais, tamén se ofrecerá “unha visión do panorama actual do mercado financeiro, argumentando as posibles decisións de inversión futuras nos mercados bursátiles”. Como principal novidade nesta edición incluirase un módulo sobre inversións alternativas e criptomoedas.

O programa, de carácter introdutorio, inclúe tanto conferencias como sesións prácticas, apoiándose sempre no uso das novas tecnoloxías. Dentro do cadro de docentes que impartirán o curso haberá profesionais do sector que achegarán a súa experiencia no mercado de valores, que impartirán un 80% da materia. Segundo o director, parte do éxito desta proposta radica no feito de que os docentes son sempre mesmos, “porque se un equipo funciona o mellor é non cambialo”. 

Un curso con gran tradición

Este curso conta cunha gran tradición entre a oferta académica complementaria da Universidade de Vigo, como demostran as vinte edicións que se acadan este ano. “20 anos é toda unha vida”, recoñece Sáez Ocejo, e “os mesmos que comezamos hai 20 anos seguimos aquí coas mesmas ganas de transmitir estes coñecementos e achegar a nosa experiencia teórico-práctica e os nosos coñecementos do mundo da bolsa; máis ca un grupo de profesores e profesoras, somos un grupo de amigos e amigas, que seguimos porque nos gusta a docencia”.

A aceptación do curso foi tamén unha constante ao longo dos anos, uns cursos con máis matrícula e outros con menos, pero sempre con “cunha grande afluencia de estudantes e persoas alleas á Universidade”, que Ocejo calcula que pode estar arredor dos mil en total. 

Aposta pola presencialidade

A pesar da tendencia cara a virtualidade, principalmente por mor da pandemia, os directores do curso apostaron por continuar impartindo a docencia de xeito presencial. “Barallamos a posibilidade facelo en liña”, recoñece Sáez Ocejo, “pero na miña opinión persoal considero de maior calidade o ensino presencial, o contacto directo con estudante, é máis cativador, aparte de que o feedback da ensinanza tradicional e presencial é de máis calidade e máis motivante. A proximidade do alumnado permite ver aspectos que nunca poderán ser observables a través dun ordenador ou unha pantalla”. Asume que pode ser unha postura que vaia contra a corrente xeral, pero considera que “parte do éxito destes cursos radica no contacto entre a xente, o diálogo entre estudantes e profesores”.

Prezos e recoñecementos

O curso está aberto tanto a membros da comunidade universitaria como a persoas alleas á mesma, variando o prezo segundo colectivo. Así, para o alumnado de grao ou mestrado da UVigo o prezo é de 94€. Unha vez remate o curso, se o finalizan con cualificación de apto, poderán optar a unhas das 30 bolsas que concede a Fundación Sindical Edelmiro Otero Calvo e que cubren o 50% do custe da matrícula. Ademais, tamén se poderán convalidar 1,3 créditos ECTS. Por outra banda, o prezo para a cidadanía en xeral é de 111€, mentres que para os membros da comunidade Alumni-UVigo será de 94€, sempre que estén rexistrados oficialmente. Tamén será de 94€ para as persoas desempregadas que así o acrediten.

O prazo de inscrición e matrícula finaliza o mesmo día do inicio do curso e pode realizarse a través plataforma Bubela.