DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo de inscrición e matrícula estará aberto ata o 1 de xuño

O curso sobre o IVE na fiscalidade empresarial aposta, na súa 13ª edición, por un enfoque práctico

Ao longo de 30 horas os asistentes coñecerán as operacións nas que se aplica este imposto

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Inés Tornero DUVI 29/05/2017

Nestes meses nos que medio país está a realizar a declaración da renda e aproveitando o parón entre as convocatorias de exames, a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais acollerá a décimo terceira edición do curso O IVE na fiscalidade empresarial, que se levará a cabo entre o 1 e o 8 de xuño. Os profesores Xosé Manuel González e Xosé Carlos Álvarez do grupo de innovación docente Economía Pública e Fiscalidade Aplicada do Departamento de Economía aplicada son os encargados de coordinar esta actividade docente, que é xa un referente no eido da fiscalidade. Coa experiencia das edicións previas, amósanse “bastante contentos porque ata agora tivo unha alta aceptación”, enchendo todas as prazas ofertadas en varias ocasións. O curso deste ano terá unha duración de 30 horas, nas que se presentará e analizará o Imposto sobre o Valor Engadido cun enfoque aplicado apoiado na análise de casos prácticos que permitirán comprender o funcionamento deste importante imposto.

Sobre a pervivencia deste curso durante máis dunha década, o profesor González explica que “a fiscalidade é sempre un tema de interese, tanto para o alumnado como para as persoas de fóra da comunidade universitaria”. Recoñece ademais que “tendo en conta que nos plans de estudo a posibilidade de abordar todos os impostos é complicado pola falta de tempo, ofrecemos este curso que afonda neste imposto, o IVE, de forma máis rigorosa e ampla”. O curso será impartido por José Antonio Fernández, ex-profesor de Fiscalidade Persoal e da Empresa na Universidade de Vigo, actualmente subinspector da Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) e especialista na aplicación práctica das principais figuras impositivas. Xosé Carlos Álvarez, outro dos coordinadores do curso, destaca que “a traxectoria de Fernández Pérez como profesor amosa unha brillante capacidade de transmisión de coñecementos, un permanente esforzo de actualización e mellora das súas clases e un talante persoal próximo e motivador”.

Este curso está dirixido a alumnado actual de Administración e Dirección de Empresas, Economía, Dereito e Relacións Laborais e Recursos Humanos na Universidade de Vigo ou a tituladas e titulados universitarios destas mesmas diplomaturas, licenciaturas ou graos. Ademais, tamén se poderán inscribir profesionais relacionados coa xestión da empresa que “queiran poñerse ao día sobre un imposto que experimenta numerosos cambios normativos e que é de interese tanto para as empresas como para as consumidoras e consumidores, xa que é de práctica case diaria”, explica González. A matrícula ordinaria para as e os interesados é de 90 euros, pero para o alumnado terá un custo de 80 euros e o curso impartirase do 1 ao 8 de xuño en horario de tarde.

O IVE como punto central do programa

Dado que o IVE é un imposto moi casuístico, este é un curso práctico no que “o alumnado vai ter casos de traballo reais cos que será capaz de entender moito do relacionado co IVE nas exportacións, nas actividades extracomunitarias, na prestación de servizos e coa exención deste imposto”, afirma González.

Esta actividade formativa está dividida en dous módulos impartidos en seis sesións. No primeiro abordaranse contidos teóricos como a introdución ao Imposto sobre o Valor Engadido, analizando a súa natureza e o seu ámbito de aplicación; así como as operacións interiores (feito impoñible, exencións, lugar de realización, suxeito pasivo e devindicación); o tráfico internacional nas operacións intracomunitarias, importacións e exportacións; a base impoñible e os tipos impositivos, as deducións e as devolucións, e os réximes especiais, como por exemplo o simplificado e o de equivalencia). No segundo módulo traballaranse casos prácticos sobre operacións interiores, tráfico internacional, base impoñible e tipos impositivos, e réximes especiais, como o simplificado e o de equivalencia, onde “se analizarán todos os aspectos que están no día a día das empresas que, xunto cos casos prácticos, permite que facerse co dominio deste imposto de forma amena e sinxela”.
O prazo de matrícula permanecerá aberto ata o día 1 de xuño e poderá realizarse a través da plataforma Bubela.