A edición deste ano desenvolverase do 24 ao 28 de xuño
O Curso de Medios Audiovisuais de Celanova cumpre dúas décadas
No marco dos cursos de extensión universitaria do campus de Ourense, os chamados cursos de verán, este ano celebrarase unha nova edición, a XX, do Curso de Medios Audiovisuais de Celanova (Cemac). A actividade, que se desenvolverá do 24 ao 28 de xuño, está organizada pola Fundación Carlos Casares co apoio da Universidade de Vigo, a Deputación de Ourense e a Axencia Galega das Industrias Culturais.
A edición deste 2024 foi presentada este luns no Centro Cultural Marcos Valcárcel por Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do Campus de Ourense; Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais; César Fernández, vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, e Paulino Pérez, director do curso. Cada verán, lembrouse na presentación, Celanova acolle esta cita na que diversos profesionais do sector audiovisual achéganse a analizar polo miúdo o seu traballo co alumnado universitario e público interesado. Durante estes 20 anos, indicaron desde a organización, “rexistráronse no Cemac máis de mil matrículas e preto de 400 profesionais e docentes e proxectáronse máis dun centenar de filmes e pezas audiovisuais”.
A edición deste ano
Baixo o título 20 anos co cinema galego. Industria, cultura, identidade, este ano os directores do curso, Paulino Pérez e Miguel Anxo Fernández, profesores da Facultade de Comunicación do campus de Pontevedra, deseñaron un programa que conta con diversos perfís profesionais, artísticos e técnicos, das películas +Cuñados, As Neves e Tratamos demasiado bien a las mujeres, as tres de estrea recente. Así, acudirán actores como Federico Pérez e Xosé Touriñán, produtores como Nati Juncal e Javier Lopa, a directora e guionista Sonia Méndez e o director Miguel Barros, o director de fotografía Sergio Franco, a maquilladora María Porto ou a estilista Sonia García, entre outros profesionais.
Ademais dos filmes, haberá espazo para unha clase maxistral sobre road movies, impartida por José Manuel López, así como curtas premiadas en diversos certames (Nena, de Xosé Touriñán e Jairo Iglesias; O frío, de Pablo Dopazo; Habitar, de Anxos Fazáns; Nai, de Tito Refoxo, e Betas, de Alberto Senín). Tamén haberá unha mesa sectorial coa participación de diversos axentes dos sector e, finalmente e a presentación da webserie Dúas señoras, das directoras Uxía Soutullo e Luján Monteiro e froito da do taller deste curso Celanova, plató de ficción. Esta XX edición completarase cun achegamento á figura de Carlos Velo, cunha ruta cultural polo Concello de Celanova e unha pequena mostra fotográfica dedicada a estes 20 anos do certame.