DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A formación desenvolverase durante as fins de semana no campus

O curso de monitoras e monitores de tempo libre celebrará en febreiro unha nova edición

O número de prazas dispoñibles é de 25

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantes
DUVI Ourense 26/01/2022

A Escola de Tempo Libre Universitaria do Campus de Ourense e de Pontevedra (Estoupo), ao abeiro da Asociación da Universitaria de Ciencias da Educación AUCE, convoca unha nova edición do seu Curso de monitor/monitora de tempo libre. 25 persoas terán a oportunidade de, durante as fins de semana desde o 11 de febreiro ao 3 de abril, aprender a dinamizar todo tipo de colectivos, desde menores ata maiores.

Cun enfoque principalmente práctico e orientado á empregabilidade das e dos participantes, a docencia do curso desenvolverase nesta edición os venres, sábados e domingos e correrá a cargo de máis dunha ducia de persoas, parte delas formadas na propia Estoupo, que conta xa cunha dilatada experiencia na celebración deste tipo de cursos. Os contidos que se abordarán ao longo das sesións abranguen todo tipo de actividades destinadas á animación sociocultural e do tempo libre, como xogos tradicionais, grandes xogos, veladas, rutas interpretativas, obradoiros de reciclaxe, actividades na natureza e deportivas, expresión musical e corporal, primeiros auxilios, educación para a saúde, animación á lectura, psicosocioloxía, educación en valores, lexislación e saúde ambiental, entre outras cuestións.

O curso desenvolverase de xeito presencial nas instalacións do campus de Ourense, respectando as medidas de prevención da covid-19 previstas en cada momento. Ao rematar a formación, que consta de 350 horas, 200 delas teóricas e 150 prácticas, as e os participantes que cumpran os requisitos obterán un título de monitores ou monitoras de tempo libre acreditado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia. O prezo de matrícula é de 160 euros, existindo a posibilidade de que 30 euros se paguen con moeda social, coa participación en actividades de intervención social coas dúas entidades organizadoras. O prazo para inscribirse ábrese este xoves 27 de xaneiro ás 11.00 h.