DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Realizada por alumnado de Educación e Traballo Social do campus

A curta 'Amor de Nai', galardoada nun festival estatal de cine escolar

Trátase dunha peza en homenaxe á escritora Xela Arias

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Lingua Galega
  • Premios
  • Estudantes
DUVI Ourense 14/02/2022

O pasado curso académico, alumnado da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense traballou arredor da figura da homenaxeada no Día das Letras Galegas 2021, a escritora Xela Arias. Entre outras accións, realizaron unha serie de audiovisuais inspirados na súa obra. Unha das curtas feitas, titulada Amor de Nai, foi premiada no I Festival de Cine Escolar que organiza a Facultad de Educación da Universidad de Zaragoza.

O certame, explican desde a súa organización, “é unha nova iniciativa de innovación pedagóxica” cuxo “obxectivo non é outro que o de recoñecer, pór en valor e facer difusión dos mellores traballos audiovisuais de Primaria e Secundaria seleccionados por festivais escolares de cinema nacionais, xunto ás mellores pezas procedentes das facultades de educación do estado, así como promover a utilización do cinema como ferramenta e recurso didáctico entre o alumnado de todos os centros e certames participantes”. Na categoría de facultades de educación, catro pezas feitas por alumnado da UVigo arredor da figura de Xela Arias quedaron finalistas. Trátase das obras Conxélame destino; Meus doces cantares; Amor de nai e Xela Arias. O poema somos nós. Finalmente, Amor de nai acadou o 2º Premio á Mellor Curtametraxe Nacional na Categoría de Facultades de Educación, sendo gañadora a obra Pulso a la vida, da Facultad de Educación da Universidad de Zaragoza.

Tres poemas de Xela

A curta galardoada foi realizada polas alumnas e alumnos do campus de Ourense Iria Rodríguez, Adrián Rodríguez, Daniel Sampayo, Víctor Seara e Fernando Toja “a partir da reinterpretación persoal de tres poemas de Xela Arias”, concretamente poemas dos libros Darío a Diario, Intenpériome e Denuncia do equilibrio. Elas e eles foron os encargados de realizar todo o proceso da obra, desde o guión e gravación ata a actuación e edición. A súa temática céntrase na dor que causa un embarazo que non sae adiante. “Na primeira parte da curta empregamos o poema de Darío a Diario para representar a protagonista feliz de imaxinarse a si mesma coa súa pequena, paseando e amosándolle o mundo”, explican as e os autores da peza. Unha chamada do xinecólogo encargado de efectuar o seguimento do embarazo dará comezo no audiovisual á segunda parte e ao poema Intenpériome. “A partir dese instante, a muller vese sumida nun círculo de estrés, frustración e desesperación, pois o seu instinto dille que algo moi malo está por sucederlle ao bebé”, sinala o alumnado. Xa no hospital, indican as e os autores da curta, “o médico transmítelles á muller e máis ao seu marido a mala noticia e, con isto, precipitámonos cara ao desenlace da historia por medio do terceiro poema, incluído no libro Denuncia do equilibrio”.

O audiovisual premiado, ao igual que os demais presentados desde a UVigo, formaron parte da programación arredor da conmemoración no campus de Ourense do Día das Letras Galegas 2021, que levou por lema O Día das Letras con voz de muller: de Rosalía de Castro a Xela Arias e que estivo organizada desde a Facultade de Educación e Traballo Social baixo a coordinación do profesorado Ana Iglesias, Isabel Mociño, Fernando Dacosta e Mercedes González. Concretamente, a actividade na que participou o alumnado agora premiado consistiu en que, no marco da materia de Lingua Galega, as e os estudantes traballaron coa reinterpretación e reelaboración da obra de Xela Arias en formato audiovisual. Non se tratou, explica o profesor da materia Fernando Dacosta, dunha plasmación literal e literaria da súa obra en formato audiovisual senón que o alumnado partiu da obra da escritora e traballou o que lle suxeriu en cada caso. Os vídeos foron proxectados ao público no Edificio de Ferro durante os actos de conmemoración do Día das Letras Galegas 2021.

Recoñecemento para o alumnado

Fernando Dacosta destaca que os traballos feitos polo alumnado “foron traballos magníficos”, apuntando que elas e eles encargáronse de todo o proceso de realización e que no resultado final queda plasmada a cultura visual que teñen as novas xeracións. A peza premiada, engade, sobresae pola súa sensibilidade e capacidade de conmover. “Que en tan pouco tempo poidan crear algo así pois a verdade reconforta”, subliña o profesor. Sobre o premio acadado, Dacosta pon de relevo o feito de que se trata dun galardón de ámbito estatal e o feito de que permite que “a palabra de Xela Arias en galego poida chegar a xentes de outros lugares do estado. É unha ledicia moi grande, estamos moi contentos, tanto nós como o alumnado”. Igualmente, sinala a importancia de iniciativas como a desenvolvida por este alumnado para acadar “que as letras galegas conecten coa linguaxe das novas xeracións”. Por último, o profesor recalca a necesidade de valorizar o que se fai na aula fóra dela, de “crear redes” que fomenten e visibilicen como “a aula está conectada coa sociedade”.  

Pola súa banda, Isabel Mociño destaca que “é unha satisfacción ver que desde outras facultades de educación se valoran traballos realizados polos noso alumnado e sobre todo realizados en lingua galega”. Así, subliña, a peza premiada non está subtitulada nin dobrada, “está en galego e polo tanto contribúe a esa proxección fóra da cultura propia”. Acadar este segundo premio, afirma a profesora, supón “un recoñecemento importante dun festival que está botando a andar” e “un recoñecemento e un aliciente para o alumnado, que ve como o seu traballo é recoñecido”. A entrega de premios terá lugar o 10 de marzo na Facultad de Educación da Universidad de Zaragoza.