DUVI

Diario da Universidade de Vigo

'Fume’ recibiu o premio do publico no AWord Short Indie Film Festival de Los Ángeles

Unha curta nacida en CCSS e da Comunicación, premiada nos EEUU

A facultade acolleu a sesión ‘Obras e milagres de catro curtametraxistas'

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 22/10/2018

A realización dunha serie de curtametraxes por parte de grupos de estudantes é un dos obxectivos da materia Guión, produción e realización de ficción do grao en Comunicación Audiovisual, onde se xestou Fume, unha curtametraxe dirixida polo titulado Alejandro Rodríguez que acaba de obter o premio da audiencia do AWord Short Indie Film Festival de Los Ángeles, un certame que se desenvolve a través de internet e no que este traballo acadou o Fan Award grazas ás votacións rexistradas tanto a través da plataforma Moviescreenpro como da rede social Facebook. No marco desta materia naceron tamén curtas como Pecha, Abismo, Blanca e Ref. 409, os catro proxectos que na tarde deste luns protagonizan Obras e milagres de catro curtametraxistas, un coloquio dirixido a achegar ao alumnado de Comunicación Audiovisual “como é o proceso de produción dunha curta, que problemas poden xurdir, as dificultades de levala a cabo...”, salienta o profesor responsable desta materia, Paulino Pérez.

Percorrido máis aló das aulas

Coa superación dunha morte como temática e cunha proposta "que se baseaba sobre todo na posta en escena, nas expresións e non no diálogo", Fume acadou en 2016 un accésit nos Premios de Creación Audiovisual da Universidade de Vigo e formou parte da selección do festival Xociviga do Carballiño e da sección de Escolas do FIC Bueu. Recoñecementos aos que sumou meses despois o accésit á mellor dirección no festival internacional universitario Showing Film Awards e aos que nas últimas semanas se engadía a súa presencia na sección Supernova no festival Curtocircuíto, de Santiago de Compostela e este premio do público nun “festival que se desenvolve soamente a través de internet”, explica Rodríguez, quen apunta que foi a vontade de que Fume “non quedase simplemente como un traballo de clase” a que o levou a presentar a peza a este festival estadounidense. “Que dous anos despois, siga circulando en festivais e siga tendo recoñecemento, anima a traballar noutras curtamextraxes unha vez rematada a Universidade, cando xa tes un pouco máis de coñecemento e unha visión moito máis global”, engade o director da curta, que o pasado curso completaba os seus estudos en Comunicación Audiovisual. 

“Facer unha boa curta é moi complicado”

Aberta ao público pero pensada fundamentalmente para que as e os estudantes dos primeiros cursos de Comunicación Audiovisual coñezan as obras desenvolvidas por alumnado desta titulación, Obras e milagres de catro curtametraxistas naceu como unha xornada dirixida a “establecer vínculos de comunicación e relación entre o alumnado”, como sinala Pérez, que incide se trata dunha iniciativa que se leva a cabo por primeira vez co propósito de “xerar sinerxías entre os grupos de estudantes e de amosar tamén como “aínda que ás veces pareza que facer unha curta é moi fácil, facer unha boa curta é moi complicado”. Así, a inciativa suma á proxección das catro curtas o coloquio cos seus autores e autoras, complementada á súa vez cunha presentación do maratón internacional de curtametraxes que promove a asociación Kino Galicia

“Realizar esta curta ensinounos a traballar en equipo e axudounos a ser conscientes do difícil que é sacar adiante unha obra audiovisual”, salienta Julio Freijeiro, director de Pecha, unha das catro pezas protagonistas da actividade, na que abordou o “enriquecedora” que foi a experiencia de traballar con actrices profesionais para este proxecto. “Foi unha experiencia que me axudou a darme conta do moito que me gusta a dirección”, engade a estudante Iria Friedrich Pérez, directora de Ref.409, quen recoñecía tamén o díficil dun traballo en equipo no que “xorden numerosos imprevistos”, pero no que tamén “é moi gratificante ver como o que un ten na súa cabeza pasa a ser unha historia real”. Nesa mesma liña, pronúnciase tamén Fran Sánchez, director de Blanca, que destaca esta cruta como unha experiencia de “aprendizaxe do fluxo de traballo” por parte dun grupo de estudantes “que realizabamos unha curtametraxe por primeira vez”. 

Das aulas ao Teatro Principal

Como traballo tamén para a materia que coordina Pérez naceu o pasado curso Estatus, unha curta dirixida polo estudante Ricardo Araújo que este mércores 24, ás 20.30 horas, preséntase no Teatro Principal. Estatus, sinalan, narra “a historia dunha familia poderosa, obrigada a tomar unha decisión que pode marcar a súa posición dentro dunha sociedade distópica, gobernada por un sistema controlador, na que ninguén pode ocultar a característica máis esencial do seu ser, o seu status". A súa proxección verase complementada nesta presentación por un making off, actuacións musicais e un coloquio co equipo técnico.