DUVI

Diario da Universidade de Vigo

‘Estatus’, dirixida polo alumno Ricardo Araújo, opta ao premio da categoría de ficción

Unha curta realizada por alumnado de CCSS e da Comunicación, finalista do certame Suroscopia

Trátase dun festival impulsado pola Universidad de Córdoba

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Premios
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 03/05/2019

Xerar unha rede internacional de creadores audiovisuais procedentes de diferentes universidades públicas españolas e latinoamericanas é o propósito co que naceu, en 2011, o Certamen Universitario de Creación Audiovisual Suroscopia, unha iniciativa promovida pola Universidad de Córdoba que, na súa oitava edición, seleccionou entre os 15 proxectos finalistas a Estatus, unha curta realizada por estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Xurdida como un traballo académico, Estatus opta ao premio na categoría de ficción dun certame que supón así mesmo, “a primeira oportunidade para amosar a curta fóra de Galicia”, como salienta o seu director, Ricardo Araújo.

Lucid, de Daniel Garay, Un buen día, de Raúl Albar, Humano, demasiado humano, de Sergio Herranz e El globo de Carlos Linares foron as outras catro curtas de ficción seleccionadas polo xurado dun certame que se completa coas categorías de documental e videoarte. A entrega dos galardóns nestas tres categorías, así como dos premios do público, decididos polas votacións en redes sociais, terá lugar o vindeiro venres 10 de maio, no acto que pechará o seminario formativo no que, desde o vindeiro luns, participan os e as finalistas. “Que nos inviten a ir e poder falar do proxecto alí é unha alegría e tamén unha oportunidade de que o traballo chegue a máis xente”, salienta Araújo, que a vindeira semana participará nunha serie de talleres impartidos polos cineastas Alfonso Camacho, Tacho de la Calle, Isidro Sánchez e polo artista visital Javier Artero. Nese senso, o director de Estatus pon de relevo o positivo “de poder aprender de profesionais do audiovisual, pero tamén do resto de compañeiros de diferentes partes de España”. 

Unha curta xa premiada

Sara Puente, Jorge Castro, Pedro Tizón, Nerea Ogando, Dani Cornes, Carlota Nieto, Majo Reinoso, Adán Cordeiro, Uxía Pérez e Laura Guizán conforman, xunto a Araújo, o equipo de alumnos e alumnas que o pasado curso deu forma a Estatus como un traballo académico para a materia Guión, produción e realización de ficción, do grao en Comunicación Audiovisual, impartida polo profesor Paulino Pérez. “Trátase dunha curta de estudantes, pero quixemos que fose o máis profesional posible”, salienta Araújo dun traballo que presenta como “unha distopía de ciencia ficción”, que amosa un mundo no que “as persoas levan escrita na fronte a característica que máis as define”. Neste contexto, a curta aborda a historia “dunha familia de clase alta, poderosa” que ten un fillo “no que o seu estatus na fronte é o de asasino”, e os conflitos que esta situación xera para a familia “nunha sociedade dividida entre válidos e nulos”.

Nese senso, Araújo recoñece que “a curta foi un reto en todos os sentidos,”, tanto polo feito de tentar “facer crible” a proposta, como “porque se trataba da primeira vez que traballabamos con actores profesionais”. Fernando Tato, Susana Sampedro, Fran Paredes, Laura Ponte e Diego González conforman o equipo artístico dun traballo que o pasado mes de setembro recibía o primeiro premio na categoría de Creación Audiovisual dos premios de creación artística da Universidade de Vigo, así como o galardón á mellor curtametraxe na categoría de escolas do FIC Bueu. Seleccionada tamén para a Xociviga do Carballiño, localidade na que tivo lugar a propia rodaxe, e para o Festival Internacional de Cine de Ourense, a curta que en outubro estreaban no Teatro Principal, tivo nese senso un percorrido “moi satisfactorio, xa que ao final é unha práctica que nos está valendo para intentar que nos coñezan un pouco”, recoñece o seu director.