DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na Casa das Campás e en Ciencias Sociais

A curtametraxe galega volve á universidade polo Nadal

Co proxecto "Curtas no Nadal"

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Ana Terceiro DUVI 11/12/2007

Os estudantes universitarios do campus de Pontevedra poderán asistir ás proxeccións de curtametraxes galegas que forman parte do calendario da segunda edición do proxecto audiovisual Curtas no Nadal. A iniciativa, posta en marcha pola Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia a través da Axencia Audiovisual Galega e coa coordinación de Mr. Misto Films, vai levar as curtametraxes galegas de xira ata o próximo 8 de xaneiro. Durante este tempo 25 obras producidas en Galicia van estar circulando polo país adiante en diferentes escenarios, dende os campus universitarios ata os locais de hostalería, pasando polos centros da Cooperativa Galega de Minusválidos (COGAMI), os locais de diferentes asociacións culturais ou os salóns de actos dos centros de ensino.
Este proxecto de difusión audiovisual xorde coma unha alternativa á programación tradicional das salas de cinema comerciais e como base para a creación dun circuíto estable de exhibición de traballos de curta duración. Todas as obras seleccionadas son de produción galega, coa intención de achegar ao grande público a curtametraxe feita en Galicia e así dignificar un xénero no que cada vez se move un maior número de realizadores.
A posta en marcha da segunda edición do proxecto Curtas no Nadal ten a súa base no desexo da Consellería de Cultura e Deporte por vertebrar unha programación regular de curtas nas vilas e concellos que teñen dificultades de programación audiovisual. Deste xeito, toda a poboación que participe na rede poderá disfrutar dun programa audiovisual de calidade.

Programación

Arredor de 20 localidades de todo o país e máis de 40 sesións de proxeccións darán contido ao proxecto Curtas no Nadal. O mércores 12 de decembro na Casa das Campás e o xoves 13 na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, se proxectarán varias curtametraxes de diferentes xéneros. A sesión que terá lugar na sede da vicerreitoría do campus de Pontevedra (Ficción A) está composta por cinco obras cunha duración aproximada de unha hora en total. Formularios Truculentos, O Tren da Vida, Sen Escrúpulos, Cousas do kulechov, A Morte tiña un Prezo, 200 euros, son as obras que se poderán ver a partir das doce do mediodía.
Pola súa banda, Incomunicados, A Casa de Lola de Andrés, O Bufón e a Infanta, 1936. Ribadeo e O Gaiteiro Toca, son as curtas que darán contido á sesión que se proxectará en Ciencias Sociais (Ficción B) ás seis e media da tarde.