DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Seis traballos de alumnas de Belas Artes forman parte das seccións Furacáns e Novas Camadas

As curtas nacidas nas aulas do campus fanse un oco no Festival de Cans

O TFG de Cris Yáñez foi incluído na sección oficial 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cine
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 18/05/2022

Preto de 200 curtametraxes, remitidos desde diferentes puntos de Galicia e de España, pero tamén de países como Reino Unido, Portugal, Estados Unidos ou Francia, presentáronse neste 2022 ao Festival de Cans, que ao longo desta semana desenvolve a súa décimo novena edición. 24 delas integran as súas seccións oficiais de ficción e non ficción, para as que foron seleccionadas catro curtametraxes nacidas como proxectos académicos no campus pontevedrés. Ese é o caso de Dúas Cores, de Cris Yáñez, que naceu como traballo de fin de grao (TFG) de seis egresadas e egresados da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Tamén o das curtas de Antía Encisa, Claudia Pineda e Yasmina Farhani Luaces, estudantes de Belas Artes e seleccionadas para a sección de non ficción Furacáns. Do mesmo xeito, outros tres traballos xurdidos nesta facultade, os de Sandra Gutiérrez, Candela Conde e Lucía González, estréanse hoxe mércores no festival porriñés, na sección Novas Camadas. 

Unha historia autobiográfica e o traballo final de seis titulados

Cris Yáñez, como guionista e directora; Paula Iglesias como produtora; David Lomba como xefe do son; Raquel Gestido como directora de arte; Salomé Trujillo como script, e Laura Morgadanes como responsable de distribución, deron forma a Dúas Cores como o seu TFG en Comunicación Audiovisual. “Estamos todos moi emocionados”, recoñece Yáñez da oportunidade que supón “dar o paso á sección oficial”, tras ter participado previamente por Novas Camadas. Como “unha historia autobiográfica”, presenta esta titulada unha curtametraxe que narra as aventuras de dúas nenas, a propia Cristina, que vive nunha aldea do rural galego, e a súa amiga Laura, que só a visita durante as vacacións de verán. Na súa estrea en Cans, Dúas Cores competirá coas obras de realizadores tamén formados na facultade, como Lucía Estévez e Alejandro Rodríguez, e con traballos como Sycorax, unha curta dirixida por Lois Patiño e Matías Piñeiro e producida pola docente Beli Martínez, que en 2021 foi escollida para a Quincena dos Realizadores de Cannes.   

Tres furacáns que xurdiron en Belas Artes

Dedicada ás curtas de non ficción que asumen maior risco narrativo, para Furacáns escolléronse pezas como El viaje 1988, que o pasado verán fora seleccionado para formar parte da programación do Short Film Corner do Festival de Cannes. Nacida como traballo para unha materia do Grao en Belas Artes, esta curta estrearase pouco antes no Festival S8, nun apartado comisariado pola cineasta e profesora da facultade Xisela Franco, e posteriormente puido verse tamén no festival de cine independent L´Alternativa de Barcelona e no Play Doc. A cabalo entre o documental e o cine ensaio, trátase dunha curta na que Pineda reflexiona sobre o sentido da viaxe tomando como punto de partida unhas imaxes gravadas pola súa avoa na China en 1988. 

Realizada tamén como traballo para a materia Produción artística: audiovisuais, Furacáns albergará a estrea de Somos?, un “video ensaio” no que Antía Encisa “reflexiona sobre os límites entre a identidade individual e a colectiva”, desde “unha perspectiva de xénero non binaria e disidente”, explica. “Resulta moi gratificante ver como algo no que investiches moito traballo é valorado por un festival coma Cans”, salienta esta alumna que destaca o positivo da “incorporación de miradas novas, que aínda nos estamos a formar” no circuíto dos festivais galegos. 

Nacida tamén no campus, nun obradoiro do videoartista Adrián Canoura promovido polo festival Novos Cinemas e a Vicerreitoría, Galice, Galice, de Yasmina Farhani Luaces é outra das curtas seleccionadas para esta sección. Froito dun taller que lembra como “unha grande aprendizaxe tanto audiovisual como persoal”, a tamén alumna de Belas Artes define esta curta como “unha viaxe ao imaxinario galego colectivo dende o sonoro e o visual”, na que presenta as imaxes dun percorrido en coche dende A Fonsagrada ata Pontevedra, mentres “mesturaba casetes do cancioneiro galego e se ían sintonizando emisoras segundo cambiaba de lugar, creando unha especie de cartografía sonora”. 

Novas camadas que se forman no campus

Antes das proxeccións das seccións oficiais, na tarde deste mércores poderán verse en Cans outras tres curtametraxes nacidas tamén en Belas Artes e que forman parte das oito seleccionadas para Novas Camadas. Trátase de Videodiario, de Sandra Gutiérrez; A Casa dos Avós, de Candela Conde; e Nai, pai, por que?, de Lucía González, tres alumnas que viven nesta xornada a súa primeira experiencia nun festival de cine. “Síntome moi agradecida e afortunada por esta oportunidade”, recoñece Conde, que concorría por primeira vez a un certame deste tipo cunha curta na que propón “unha viaxe pola casa da miña avoa, un espazo máxico para min, polo que xa pasaron catro xeracións”. Tamén na súa primeira participación nun festival, González amosa en Cans a que foi “a primeira curta que fixen na carreira” e tamén “a primeira obra audiovisual na que me sentín totalmente libre á hora de realizala”, recoñece.

“Non sei como explicar con palabras toda a emoción e agradecemento que sinto por ser seleccionada en Novas Camadas”, salienta González, que estrea unha peza documental que decidiu centrar na figura de súa nai, que desde o festival definen como “unha curta demoledora sobre a emigración galega a Europa”. Por outra banda, Sandra Gutiérrez Aldao recibiu “como unha completa sorpresa” a selección para Novas Camadas dunha curtametraxe que realizou hai case dous anos, durante o confinamento. “Podería dicirse que foi unha maneira de expresar o sentimento de soidade que levaba anos cargando”, recoñece dunha peza que naceu dun exercicio proposto por Xisela Franco durante a pandemia, o de realizar un “vídeo-diario”, ao que deu o nome de Miradas e co que buscaba pór o foco nesas “miradas perdidas” que observaba entón o seu redor. 

A estas pezas súmase tamén a presenza en Cans doutros traballos como o videoclip de Verto que a egresada Iria Vázquez Serén realizou tamén como traballo final en Comunicación Audiovisual.