DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O evento está organizado pola Cátedra R, da que forma parte a UVigo

CyberSec@GAL pecha a súa segunda edición, dedicada á ciberseguridade en tempos de teletraballo

Tras unha semana de obradoiros e relatorios en formato virtual e coa participación de 350 persoas

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Institucional
M. Del Río DUVI 05/11/2020

Hai oito meses, antes da crise sanitaria e do confinamento, eran poucos os sectores nos que o teletraballo era una opción laboral, pero a irrupción desta modalidade chegou para quedarse, tanto é así que o Goberno aprobou este outono unha nova lei que regula o seu desenvolvemento. Esta nova contorna laboral implica retos e oportunidades pero tamén riscos tecnolóxicos, e neles centrouse a segunda edición do foro CyberSec@GAL, organizado pola Cátedra R en Ciberseguridade, da que forman parte as universidades de Vigo e A Coruña xunto con R. O obxectivo do evento é converterse en referente da ciberseguridade na comunidade galega, desta volta no eido específico do teletraballo.

CyberSec@GAL clausurouse este xoves tras toda unha semana de conferencias, xornadas técnicas, obradoiros e un ciber-reto, un amplo programa virtual especialmente dirixido ás empresas e centrado na ciberseguridade no teletraballo. Na xornada final participaron expertos de dentro e fóra de Galicia, ato tempo que de xeito paralelo se desenvolvía o I Foro de Ciberseguridad de Galicia, organizado polo ISMS Forum galego e dirixido a un público máis especializado. O foro completouse coa entrega dos premios ás mellores teses de doutoramento, traballos fin de mestrado e fin de grao no eido da ciberseguridade para estudantes das universidades de Vigo e A Coruña. Dous dos galardón foron para estudantes da UVigo: o premio á mellor tese para Alberto Pedrouzo, do programa de doutoramento en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións e o premio ao mellor traballo fin de mestrado para David Álvarez, estudante do Máster Interuniversitario en Ciberseguridade UVigo-UDC. 

A ciberseguridade, básica nun mundo cada vez máis tecnolóxico

O director corporativo de Empresas de R e do Grupo Euskaltel, Isidro Fernández de la Calle, xunto a Mar Pereira, directora da Amtega; Fernando Suárez, presidente do CPEIG, e máis o voceiro do ISMS Forum, Roberto Baratta foron os encargados de inaugurar a xornada destes xoves. O responsable de R lembrou que o obxectivo da Cátedra de Ciberseguridade, que impulsan UVigo e UDC, ten como obxectivo “potenciar o talento e a capacidade dixital de Galicia no eido da ciberseguridade, esencial para configurar o escenario tecnolóxico que nos plantexamos para un futuro inmediato”. Neste sentido, puxo o acento na importancia que en poucos meses acadou o teletraballo como modalidade laboral da man das novas tecnoloxías. O das telecomunicacións, engadiu o directivo de R, “é un eido fundamental na nosa sociedade dende hai anos e na conxuntura actual da pandemia revelouse como sector esencial con máis rapidez e intensidade que nunca. Falamos dun alicerce imprescindible para superar o foxo que está a supoñer para todos e todas nós a crise sanitaria provocada pola covid-19, que ten trastocado de súpeto as nosas vidas”. 

A directora de Amtega, Mar Pereira, salientou que “a ciberseguridade é un elemento clave neste proceso de transformación dixital que estamos a vivir e un dos vectores sobre os que estamos a elaborar a Estratexia Dixital de Galicia da década 2030. Estratexia que, ante a crise do coronavirus, adquire unha importancia renovada, pois as tecnoloxías dixitais convértense nun facilitador positivo para responder ás novas regras de xogo”. Neste escenario, lembrou que se acaba de poñer en marcha o Nodo de Ciberseguridade de Galicia, instrumento de cooperación ao que se suman a Fegamp, as catro deputacións e dous ministerios, e aberto á adhesión doutros axentes públicos e privados para impulsar a concienciación e a formación de cidadáns e empresas, dándolles resposta a retos complexos e promovendo a xeración de talento neste eido que aglutina as capacidades existentes”. 

Non obstante, o director de CPEIG, Fernando Suárez, lembrou que, malia a progresiva dixitalización da nosa contorna “non existe conciencia dabondo sobre a importancia de protexer os datos que manexamos para levar a cabo estratexias de ciberseguridade que nos axuden a ter unha vida online máis protexida”. E é que algúns estudos sosteñen que o cibercrime move actualmente máis cartos que o tráficos de drogas, cifras superiores ao PIB dalgúns países, arredor de 1,8 billóns de dólares ao ano. Neste sentido, Suárez apuntou a importancia das iniciativas públicas que se están a desenvolver no eido da ciberseguridade e que poñen de manifesto que España está en camiño de consolidar a súa posición “como un dos polos europeos empresariais que ten entre os seus obxectivos crear proximamente 20.000 novos especialistas en ciberseguridade, intelixencia artificial e datos”. 

Completou o acto a intervención de Roberto Baratta, representante do ISMS Forum en Galicia, que puntualizou que “máis que nunca, no medio dunha situación de crise e pandemia, con altos niveis de incerteza, onde predomina a aceleración dixital e o teletraballo masivo, e onde as relacións son cada vez máis e máis dixitais, a ciberseguridade volve aparecer na parte máis alta dos riscos do ámbito persoal, profesional, laboral, administrativo, empresarial, etc. 

Un mapa de titulacións adaptado ás demandas do mercado laboral

O vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado da UVigo, Manuel Ramos, participou no peche desta segunda edición do foro CyberSec@GAL. Na súa intervención fixo referencia a un dos temas recorrentes ao longo da xornada, a falta de profesionais no eido da ciberseguridade e outros perfís relacionados coas novas tecnoloxías, “que serán eixos do desenvolvemento futuro” do país. A este respecto, explicou que a Xunta de Galicia e as universidades elaboraron un informe sobre os 30 perfís profesionais de futuro en Galicia, “un  documento que tomaremos como base nos próximos meses para elaborar o futuro mapa de titulacións e no que está presente a ciberseguridade”. Con todo, e a pesar da demanda de certos perfís tecnolóxicos, o veicerreitor laiouse de que das seis titulacións da UVigo que non cubriron todas as súas prazas neste curso, “cinco son enxeñarías, algo impensable hai uns poucos anos. Entendemos que son ciclos, pero esperamos que eventos coma este faga que estes eidos sexan atractivos para a xente nova”. Tamén recalcou Ramos a importancia de acabar coa fenda de xénero que existe no eido das enxeñarías, en concreto nas TIC, e puxo en valor o papel que desenvolven mulleres como a profesora da UVigo Ana Fernández Vila, á fronte da cátedra ou Mar Pereira, de Amtega, para reverter esta situación.

O teletraballo, novo desafío para a ciberseguridade 

O programa da xornada correu da man de expertos nacionais e internacionais que comentaron aspectos diversos no terreo da ciberseguridade nestes tempos de teletraballo. O primeiro convidado Olaf M. Maennel, profesor da Universidade Tallinn de Tecnoloxía de Estonia, pensa que “moitas persoas lembrarán 2020 como o ano no que coñeceron máis a educación online, o teletraballo e os riscos da ciberseguridade. Pero en realidade, de todos os temas que apareceron nas noticias recentemente, só o virus é novo; o resto deles xa se debateron anteriormente. Hai anos xa que se prognosticou a substitución da educación superior polos MOOC (cursos online masivos e abertos), as oficinas no fogar son obxecto de deducións fiscais en moitos países dende hai moitos anos, os ataques cibernéticos van en aumento dende hai un tempo. Aínda así, esta `nova normalidade’ está a debaterse na nosa sociedade como algo que nos cambiou irreversiblemente a todos e todas. O que realmente cómpre arestora é reflexionar sobre cales son as nosas oportunidades e retos nesta contorna”. 

A xornada completouse cunha mesa redonda sobre os riscos do teletraballo, na que participaron representantes da UCD, Amtega e varias empresas e o relatorio da profesora viguesa Carmela Troncoso, especialista en privacidade na Escola Politécnica Federal de Lausana, recoñecida por dirixir o equipo europeo que traballa no protocolo da aplicación de rastrexo de contaxios da covid-19 coa meta primeira de non comprometer a privacidade da cidadanía.