DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun acto celebrado este xoves en lembranza de Francisco Fernández del Riego

Danse a coñecer os traballos gañadores da II edición do Premio de investigación xurídica en lingua galega Xosé Luis Franco

Galardoáronse traballos con temáticas que van do Dereito da UE ás patentes ou o terrorismo

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Investigación
  • Lingua Galega
  • Premios
  • Institucional
DUVI 11/05/2023

Catro traballos realizados por estudantes das universidades de Vigo e Santiago de Compostela acaban de facerse coa II edición do Premio de investigación xurídica en lingua galega Xosé Luis Franco. Así se deu a coñecer este xoves na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo nunha xornada organizada en homenaxe a Francisco Fernández del Riego con motivo da celebración das Letras Galegas 2023.

Dirixido a fomentar o emprego da lingua nos traballos de investigación xurídica entre o estudantado de grao e mestrado, o premio está dotado con 400 euros para cada un dos traballos galardoados, así como cun diploma acreditativo. Nesta segunda edición o xurado, presidido polo decano do centro Francisco Torres, destacou o “gran nivel” de todos os traballos presentados, así como a súa calidade e corrección lingüística, metodoloxía e rigor técnico empregado. 

Catro traballos de “gran nivel” e temáticas moi distintas

Na modalidade A (estudantado de calquera grao ou mestrado de Galicia e do Estado), outorgouse o premio, ex aequo, a dous traballos realizados por alumnas da Universidade de Santiago de Compostela. No caso da investigación realizada por Andrea Díaz Villares, A protección no traballo ás persoas que informen sobre infraccións de Dereito da Unión Europea,  analiza a cuestión dos whistleblowers, dos soplóns, e da súa regulación de desenvolvemento da directiva comunitaria 2019/1937, propondo unha denominación galega propia para este termo inglés, ‘destoucador’. 

O segundo traballo premiado neste modalidade foi O afundimento do Prestige: a distribución de competencias nas materias de mariña mercante e protección civil e a omisión da mesma na sentenza da Audiencia Provincial núm. 2641/2013, de 13 de novembro, realizado por Andrea Rey Castro. Neste caso, o estudo analiza as circunstancias nas que se produciu o afundimento do Prestige, así como a sentenza e o contexto competencial en materia de mariña mercante e protección civil. “Analiza tecnicamente a SAP de A Coruña 2641/2013, de 13 de novembro, un dos procesos máis complexos seguidos na nosa xurisdición”, subliñaron desde o xurado.

Na modalidade B, específica para o alumnado da UVigo, decidiuse tamén entregar dous galardóns ex aequo: un a Ana María Aído, estudante do Mestrado da Avogacía, polo traballo Inventores artificiais. Un novo reto para o Dereito de patentes, no que analiza os problemas que suscitan os inventos xerados por intelixencia artificial e a súa protección polo dereito de patentes, con especial referencia ao caso Dabus; e outro a Xurxo Rodríguez, do Grao en Dereito, por Terrorismo e dereitos fundamentais, no que estuda a relación dos dereitos fundamentais no ámbito do terrorismo. “Faise unha análise exhaustiva do concepto de terrorismo conxuntamente co seu marco xurídico internacional e nacional que permite visibilizar un abuso do termo nun contexto de perda de razón na resposta ao terrorismo”, recalcaron desde o xurado. 

Lembranza para Fernández del Riego e para Curros Enríquez

A maiores do fallo do premio, a xornada incluíu tamén dous relatorios. Por unha banda, Antón Vidal, presidente da editorial Galaxia e moi vencellado profesionalmente á Universidade de Vigo, afondou na figura de Francisco Fernández del Riego, no seu perfil persoal e vital, no significado do proxecto Galaxia e de toda a súa evolución. Pola outra, o profesor e escritor Xosé Manuel Pacho Blanco, responsable de Normalización Lingüística da facultade, centrouse en explicar aos participantes a relación de Curros Enríquez do dereito, desde a súa etapa de estudante ata o proceso seguido contra el pola publicación de Aires da miña terra.