DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coas obras de oito artistas formados na Facultade de Belas Artes

Tras darse a coñecer en Madrid, a exposición "Lancôme con Grelos" regresa a casa

Amosando as tendencias máis actuais da arte galega

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Ana Terceiro DUVI 09/01/2008

Tras amosar con éxito as súas obras no Centro de Arte Novo de Madrid, oito artistas formados na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, regresan a casa coa exposición Lancôme con Grelos que permanecerá no centro educativo ao longo do mes de xaneiro. Trátase dun conxunto de receitas artísticas que representan as tendencias e os intereses xerais que se están a desenvolver na arte actual xurdida en Galicia. Unha arte que, como é obvio, está en relación coas inclinacións que se están cociñando no panorama internacional. De aí nace o nome de Lancôme con Grelos, como unha expresión de esa mestura de tendencias, de orixes, de linguas, de sabores, de cheiros, ... “O título da exposición xorde dun xogo de palabras que pretende amosar o contrapunto entre os íconos da moda internacional e a tradición galega”, explicou o comisario e profesor de Belas Artes, Xosé Manuel Buxán. Ademais engadiu que “trátase de mesturar algo tan antigo como o lacón con grelos con símbolos da publicidade e os medios”.
A mostra amosa a parte máis actual da plástica galega e as propostas están realizadas en distintos soportes, desde a performance ata o vídeo, pasando pola fotografía ou a pintura ao óleo, con temáticas tamén variadas e autores que pertencen a diferentes xeracións de alumnos da facultade.

Os artistas e as obras

Lancôme con Grelos inclúe as propostas de Enrique Lista, Ernesto González, Fruela Alonso, Itziar Ezquieta, Mónica Cabo, Rita Rodríguez, Santi Jiménez e Sara Sapetti. No seu diferente xeito de entender a arte do século XXI, estes oito artistas amosan sen ningún tipo de pudor temas como o intimismo, a natureza, o urbanismo, a produción artística ou a sexualidade.
Enrique Lista realiza unha obra onde se reflexiona sobre o que chamaríamos non arte, o que da lugar á creación plástica. Pola súa banda, Ernesto González Torterolo estuda a paisaxe cos seus ruídos e fala nos seus debuxos e vídeos do que el define como rururbano. O artista asturiano, Fruela Alonso, presenta dous cadros de gran formato que desenvolven o seu interese sobre os espazos cargados de simbolismo mediático e social. Itziar Ezquieta tamén amosa pinturas, pero nesta ocasión a identidade e as súas fraxilidades son as protagonistas.
A sexualidade ten un espazo destacado na exposición, sendo o motivo principal das fotografías de Mónica Cabo e dos bodegóns de Sara Sapetti. Desde outro punto de vista, o artista Santi Jiménez amosa dúas series de debuxos onde o persoal se alía coas inquedanzas do mundo xuvenil e, para finalizar, Rita Rodríguez fai unha performance no espazo urbano que logo documenta en vídeos e fotografías.

Programa Circuítos

Organizada pola Facultade de Belas Artes e en colaboración coa vicerreitoría do campus de Pontevedra, a exposición enmárcase dentro do programa Circuítos, un intercambio co Centro de Arte Novo de Madrid que ten como obxectivo dar a coñecer ao público as propostas dos novos artistas de ambas cidades. A este respecto xa se teñen realizado na Sala X da facultade algunha mostra dos autores madrileños.