DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campionato disputouse en Xaén e nel participaron 50 xadrecistas do país 

David Fernández, subcampión no Nacional Absoluto da Federación Española de Deportes para Cegos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
DUVI 25/11/2021

O xogador da Escola Xadrez Pontevedra- Universidade de Vigo David Fernández acadou o segundo posto no Nacional Absoluto da Federación Española de Deportes para Cegos celebrado entre os días 17 ao 24 de novembro en Xaén. 50 xadrecistas de toda España participaron na trixésima edición do campionato, no que David Fernández sumou 6 puntos dos 8 en disputa. 

Cinco vitorias, dous empates e unha única derrota ante o campión, Gavril Draghici, na que foi a partida máis emocionante, e decisiva do campionato, foron as cifras acadadas polo xogador da Escola Xadrez Pontevedra- Universidade de Vigo. O galego, ao mando das pezas negras, fixo da súa defensa Philidor unha perigosísima ferramenta de contraataque, tanto, que a piques estivo de levarse o punto pola vía rápida, pero Draghici non desperdiciou a oportunidade para darlle a volta ao xogo e deixar así o campionato sentenciado.

Logo da consecución deste subcampionato de España por parte de David Fernández, a Escola Xadrez Pontevedra pechará o ano organizando o X Memorial Ramón Escudeiro Tilve,  que repetirá, por segundo ano consecutivo, o formato de competición en liña.