DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada coorganizada pola Uvigo e o Consello Galego de Relacións Laborais

Debate en Vigo sobre as últimas novidades na regulación da xubilación

Analizáronse os distintos cambios que levan a unha maior compatibilidade entre pensión e traballo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • HR
  • Investigación
  • Investigación
D. Besadío DUVI 03/10/2025

Continúan as actividades coorganizadas entre a Área de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Vigo e o Consello Galego de Relacións Laborais. A última foi unha xornada celebrada este xoves pola tarde no edificio administrativo da Xunta de Galicia na que se analizaron as últimas novidades sobre a regulación da xubilación.

Ao longo da xornada expuxéronse as principais novidades introducidas polo Real Decreto-Lei 11/2024, que entrou en vigor o pasado 1 de abril e no que se incluíron reformas referidas a unha maior compatibilidade entre pensión e traballo a través da xubilación activa e demorada, un aumento progresivo do complemento de pensión para a xubilación demorada, unha maior flexibilidade na xubilación parcial e a garantía de estabilidade para os traballadores relevistas.

Con representación da academia, os sindicatos e a patronal

A inauguración da xornada correu a cargo do catedrático Jaime Cabeza, director das xornadas, e Antía Sández, presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, así como representantes dos tres sindicatos máis representativos en Galicia: Monserrat Carrera, de CCOO; Ernesto Fontanes, de UGT, e Francisco González, da CIG, xunto con Álvaro Hinrichs, representante da Confederación de Empresarios de Galicia.

Xubilación anticipada, demorada, activa...

Con preto de 90 persoas inscritas, contouse coa visión de especialistas de distintas universidades. A catedrática da Universidad de Murcia Francisca  Mª. Ferrando foi a encargada de afondar nos detalles da xubilación parcial, e Francisco Vila, da Universidad de Málaga, fixo o propio coa xubilación demorada.

De afondar nos detalles da denominada xubilación activa encargouse Juan Antonio Maldonado, da Universidad de Granada, e Cristina Aragón, da Universidad Nacional de Educación a Distancia, fixo o propio coas pensións no caso do fixo-descontinuo. 

As súas intervencións deron lugar a un debate co público entre os que se atopaban profesionais do mundo da avogacía, graduados/as sociais, profesionais do ámbito sindical, de asesorías etc.

Clausuraron as profesoras da Universidade de Vigo Emma Rodríguez Rodríguez e Rosa Rodríguez Martín- Retortillo, codirectoras das xornadas.