DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Timothy J. Kehoe, Doutor Honoris Causa:

“Debemos estudar o estancamento da produtividade, porque esta é a causa das grandes crises económicas”

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 01/02/2008

Investigador, docente e sobre todo economista. Timothy J. Kehoe, dende este venres novo Doutor Honoris Causa da Universidade de Vigo, centrou a súa intervención nunha das liñas de investigación nas que traballa na actualidade: as grandes depresións económicas e as súas causas. Kehoe apunta á caída da eficiencia como desencadeante final das mesmas e subliñou que “debemos estudar o estancamento da produtividade, porque esta é a causa das grandes crises económicas”. Neste sentido, referiuse ao caso de España que “dende 1995 non tivo crecemento en produtividade e os economistas e os políticos son conscientes disto”, apuntou. Pero fronte aos malos agoiros, arengou ao “gran equipo de macroeconomistas que temos aquí” para estudar as causas deste estancamento entre as que citou as carencias en I+D+i ou a falta de fondos para educación universitaria pero “tamén ten que ver con problemas na educación primaria e coa falta de competencia en algúns sectores”.
Para explicar a situación presente, Timothy J. Kehoe fixo un percorrido por algúns dos datos máis representativos da economía do último terzo do século XX en España. “Entre 1960 e 1975 estábamos máis ou menos nunha senda de crecemento equilibrado, pero a partir de 1974 as horas traballadas caeron arredor dun 35% e todos podemos lembrar os problemas neses días, o gran nivel de paro, as rixideces no mercado de traballo...Este foi o gran problema español”. Unha vez superado ese período, a partir de 1994 aumentaron o número de horas traballadas, houbo unha maior flexibilidade laboral e producíronse reformas pero a produtividade non creceu dende 1995, polo que Kehoe subliña a necesidade de afondar nas causas deste estancamento.

Teorías erróneas sobre as depresións

As liñas de investigación que o novo Doutor Honoris Causa está a desenvolver centradas nas grandes depresións requiren dun profundo estudos das máis representativas do século. Segundo explica, “aprendemos moito das 15 crises que estudamos e sabemos que os determinantes non son as reducións no capital e traballo, como defenden as teorías tradicionais, senón que son as caídas da eficiencia e da produtividade”. Os choques exóxenos, subliñou, poden levar unha economía á recesión, pero non a unha gran depresión, “para ser así tamén tería que concorrer unha política do goberno equivocada nese momento”.
Para chegar a estas conclusións, a conferencia do profesor Kehoe fixo un percorrido polas similitudes e diferenzas das crises que desestabilizaron Chile e México a comezos da década de 1980. Analizando as reformas fiscais, os índices de exportación, o aforro ou o emprego, conclúe que a causa está na produtividade e a diferente recuperación de ambos países aséntase no papel da banca. Mentres Chile saía rapidamente da depresión, México quedou fundido, pasando por unha crise tras outra. A resposta a este comportamento oposto Kehoe sitúaa na banca, xa que os outros indicadores eran similares e apuntaban que a recuperación sería tamén semellante. Segundo explicou “os bancos mexicanos non prestaban o diñeiro aos empresarios con boas ideas, que o tiñan que buscar noutros lugares”, o que freou a recuperación do país mentres o país andino, pola súa banda, sacaba adiante o chamado “milagre chileno”.

Unha longa traxectoria de docencia e investigación

“Polo teu traballo para desenvolver a economía en Vigo, por ensinarnos a estudar economía e para que sexas un de nós”. Estes foron algúns dos motivos que, segundo o profesor do Departamento de Fundamentos da Análise Económica, Historia e Institucións Económicas, José María Da Rocha, fan merecedor a Timothy Kehoe do nomeamento de Doutor Honoris Causa. Da Rocha, padriño do economista neste acto, salientou a traxectoria docente e investigadora do novo doutor da Universidade de Vigo e lembrou a vinculación que ten coa Universidade de Vigo dende hai 15 anos. Xunto con outros economistas e compañeiros puxo en marcha o Workshop on Dynamic Macroeconomics en Soutomaior, un punto de encontro entre estudantes e prestixiosos profesionais que contou nas súas diversas edicións con participación dos premios Nobel, Prescott e Kydland. Nesta época “coñecín a excelentes economistas, moitos deles aquí presentes”, entre os que destacou á vicerreitora de Economía, María Montero; o decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, José María Martín Moreno, ou os profesores Carlos Hervés e Baltasar Manzano.
Catedrático de Economía da Universidade de Minnesota e asesor do Fondo Monetario Internacional, Kehoe convértese así no décimo noveno Doutor Honoris Causa da Universidade. Na súa intervención agradeceu esta distinción a compañeiros e amigos cos que “levo anos traballando e que me acompañan hoxe aquí” . Tivo tamén palabras emocionadas para a súa dona, presente no acto, á que se dirixiu en inglés e para colaboradores cataláns aos que se referiu na súa lingua, xa que ten un longa e intensa experiencia docente en varios centros da comunidade. Doutor en Economía pola Universidade de Yale, Kehoe é tamén profesor nas universidades de Cambridge, California o no MIT, Massachusssets Institute of Technology.