DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo un estudo internacional no que participa a investigadora do CIM Paula Diz

A debilitación das correntes oceánicas podería ter intensificado as idades do xeo

O estudo contribúe a mellorar o coñecemento dos mecanismos que regulan o clima do planeta

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • HR
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI 27/04/2026

O Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo participa nun estudo internacional liderado pola Universidade de Berna, en Suiza, que achega importantes novidades sobre a evolución do clima terrestre e o papel do océano Atlántico na intensificación das idades de xeo. O traballo, publicado o pasado venres na revista Nature Communications e no que participou a investigadora do grupo Oceanografía Xeolóxica e Bioxeoquímica do CIM, Paula Diz, demostra que hai aproximadamente un millón de anos a debilitación das correntes profundas do Atlántico Norte foi un factor determinante na transición cara a ciclos glaciares máis longos e intensos.

Estes resultados contribúen a comprender mellor os mecanismos que regulan o clima do planeta e ofrecen pistas relevantes sobre a súa evolución futura.

O océano como arquivo do clima

O equipo investigador, liderado por Iván Hernández-Almeida, da rede global de investigación Past Global Changes con sede na Universidade de Berna, analizou sedimentos mariños extraídos do Atlántico Norte, ao sur de Islandia, que actúan como un arquivo natural do clima de máis dun millón de anos. Nestes sedimentos consérvanse microfósiles e sinais xeoquímicas que permiten reconstruír condicións pasadas como a temperatura ou o contido de osíxeno no océano.

A través de medicións xeoquímicas de elementos sensibles ao osíxeno, como o manganeso e o fósforo, xunto coa análise de microorganismos fósiles do fondo mariño —os foraminíferos bentónicos, obxecto de estudo de Paula Diz—, o equipo investigador foi quen de reconstruír a evolución do subministro de osíxeno nas profundidades do Atlántico Norte entre hai 1,1 millóns e 800.000 anos.

Menos correntes, máis frío global

Os resultados indican que a achega masiva de auga doce procedente do desxeo dos glaciares debilitou a circulación oceánica profunda. Este proceso reduciu o transporte de osíxeno cara ao fondo mariño e favoreceu a acumulación de carbono nas profundidades.
Ademais da falta de osíxeno, que tivo graves consecuencias para os ecosistemas mariños profundos, esta debilitación favoreceu a acumulación de carbono disolto procedente da descomposición microbiana de organismos mortos.

Como consecuencia, diminuíu a cantidade de CO₂ que podía liberarse á atmosfera, o que contribuíu ao arrefriamento global e á expansión das capas de xeo. O estudo pecha así unha importante lagoa no coñecemento, xa que investigacións previas centrábanse principalmente no Océano Austral. Os novos datos mostran que a circulación profunda e as condicións de osíxeno tamén cambiaron de maneira significativa no Atlántico Norte, o que indica que ambas rexións polares contribuíron simultaneamente á transformación dos ciclos glaciares.

Sinal de alerta sobre futuros cambios no Atlántico

Máis aló da súa relevancia para entender o pasado, esta investigación lanza unha sinal de alerta sobre o futuro. Os modelos climáticos actuais prevén unha posible debilitación das correntes do Atlántico debido ao quecemento global e ao aumento do desxeo en Groenlandia.

O estudo mostra que, mesmo en fases moito máis frías da Terra, cambios na achega de auga doce foron suficientes para alterar o transporte de auga cara ás profundidades do Atlántico Norte, con impactos devastadores e irreversibles para o clima e a biodiversidade. Trátase dunha importante sinal de alerta sobre a sensibilidade deste sistema, que tamén podería reaccionar de forma significativa na actualidade.

Nunha seguinte fase, o equipo investigador pretende analizar como cambiaron a circulación profunda e o contido de osíxeno do Atlántico Norte noutros períodos cálidos e fríos da historia da Terra, co obxectivo de comprender mellor cando se producen estes cambios de equilibrio.

Neste contexto, os resultados poñen de manifesto a gran sensibilidade do sistema oceánico e a súa capacidade para desencadear cambios climáticos significativos, con impactos potencialmente irreversibles sobre o clima e a biodiversidade mariña.