DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A pasarela de Esdemga distinguiu tamén as creacións de Laura Murillo e Miriam Otero

Debut 2019 premia a fusión do barroco e o oriental de Inmaculada Rodrigues

Vicky Cordero gañou o premio ao proxecto con maior potencial comercial

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Arte
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 22/11/2019

Herencia é o título da colección coa que Inmaculada Rodrigues se convertía, na noite deste xoves, na gañadora do primeiro premio da décimo terceira edición de Debut, a pasarela na que 20 novas tituladas de Esdemga presentaban no Pazo da Cultura as coleccións que constituían os seus traballos de fin de estudos. Definida como unha “fusión entre oriente e occidente”, a colección gañadora caracterizábase pola combinación de fórmulas volumétricas barrocas coa influencia oriental que representaba o quimono. 

Nunha edición na que se presentaban por primeira vez os traballos finais da primeira promoción de tituladas no Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda, xunto cos proxectos da última xeración de egresadas do título propio de Esdemga, o xurado de Debut 2019 outorgou o segundo premio a colección A la sombra de las luces, de Laura Murillo e recoñeceu cun accésit o proxecto Novaya Zemlya, de Miriam Otero. Así mesmo, aos premios que cada ano outorga a empresa Jesús Peiró sumouse nesta edición, grazas á colaboración do centro comercial Gran Vía de Vigo, un novo galardón á colección con maior potencial comercial, co que se distinguiu o proxecto Un dos, un dos... y todo irá bien, de Vicky Cordero.

Unha colección feita de herdanzas

Para dar forma a Herencia, Rodrigues, integrante da primeira promoción de tituladas no mestrado que se imparte na Facultade de Belas Artes, valeuse de tecidos antigos, tapices ou sabanas do século XIX que tiña na súa propia casa. “Teño a sorte de ter un pai moi coleccionista, que vai de anticuario en anticuario, e avoas con moito gusto por este tipo de cousas”, recoñece a gañadora de Debut, que empregou estas ‘herdanzas’ para dar forma a unha colección “barroca”, que xurde do seu gusto “pola escultura e polas formas arquitectónicas”, pero tamén de influencias orientais. Nese senso, Rodrigues ve neste premio, "unha meta que non agardaba”, un aliciente para continuar traballando, “no que me gusta, que é esa fusión barroco-oriental, que ao mellor pode ser unha vía de traballo para futuras coleccións”.  

Un punto de peche e de inicio

Como unha “festa das estudantes”, presentou a directora de Esdemga, Lola Dopico, á décimo terceira edición de Debut, un evento que, lembrou, celebraba neste 2019 unha edición “moi especial”, caracterizada por ser á vez “un punto de peche e un punto de inicio”. Por unha banda, sobre a pasarela presentaban as súas coleccións dez novas tituladas no título propio de Esdemga, que o pasado curso se impartiu por última vez, de tal xeito que, aínda que se defendan novos proxectos fin de estudos o vindeiro ano, estas constituían a “última xeración” duns estudos “que naceron hai 16 anos”. Por outra, presentábanse tamén os traballos finais da “primeira xeración” de egresadas do mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda, un evento que reuniu un ano máis no Pazo da Cultura a numerosos representantes do sector da moda e ao que asistiron tamén o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos; e o decano de Belas Artes, Xosé Manuel Buxán; xunto con diferentes membros da corporación municipal e provincial. 

Xunto ás premiadas, Debut 2019 supuxo a estrea dos traballos de fin de máster de Alexandra Pais, Silvia Vilarelle, Andrea Flórez, Anaïs Kerbrat, Tania Campos, Silvia Marra, Ana Casas e Sandra Parguiña; así como dos proxectos de fin de estudos de Teresa Búa, María Fall, Andrea González, Paloma Malvar, Vanessa Parente, Andrea Piñeiro, Icía Vázquez e Laura Villegas. Proxectos, como lembrou Dopico, que son o resultado de “moitas horas de traballo, dun investimento persoal e dunha aposta moi importante polo seu futuro”, marcados a súa vez por múltiples fontes de inspiración. Sobre a pasarela presentáronse nese senso tanto coleccións que cuestionaban o binarismo de xénero ou os tabús arredor da sexualidade, como proxectos influenciados por filmes como O silencio dos cordeiros ou por compositores como Mozart, pero tamén polas mulleres do sector pesqueiro, a cultura tibetana ou polo impacto da industria téxtil no medio ambiente. 

De avaliar estas creacións responsabilizouse un xurado integrado pola directora do Departamento de Moda da Kingston University de Londres, Elinor Renfrew, e a ex-directora de moda do Daily Telegraph e embaixadora da International Global Foundation, Hilary Alexander; o director comercial da firma italiana Limonta, Cesare Becalli; e o co-fundador de Loreak Mendian Víctor Serna.

Proxectando o traballo que se fai nas aulas

Xunto ás 20 coleccións que optaban aos diferentes premios, Debut 2019 completouse, nun segundo bloque, coa presentación dunha serie de creacións nacidos de exercicios académicos, “proxectos que amosan o que facemos nas aulas”, como lembrou Dopico. Concretamente, o desfile completouse coa presentación de doce proxectos realizados o pasado curso por estudantes de primeiro curso de mestrado e coas propostas que 16 alumnas e alumnas realizaron, divididas en catro grupos, na iniciativa Brand by us, na que debían desenvolver o deseño dunha marca de moda.