No desfile no que presentaron as súas coleccións 15 novos titulados e tituladas
Debut 2025 premia as representacións da identidade feminina de Mericusan
Antía Lameiro logrou o galardón á proposta con maior valor artesanal
“Como un reflexo da miña identidade e de como eu leo as identidades femininas” presenta a egresada do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda, María Feixoo, Mericusan, a colección Crystal Angel, recoñecida co primeiro premio de Debut 2025. Preto dun milleiro de persoas asistiron na noite deste venres no Pazo da Cultura de Pontevedra ao desfile no que 15 novos titulados e tituladas deste mestrado da Facultade de Deseño presentan as coleccións que desenvolveron como traballos de fin de máster (TFM) e no que tamén foi galardoado o proxecto O ano de perder a virxinidade, de Antía Lameiro.
Outorgado pola Fundación Bimba y Lola, o premio ao deseño e á creatividade desta décimo oitava edición de Debut foi para un proxecto no que Mericusan buscaba representar a identidade feminina, “ou a miña propia”, a través de personaxes do cómic xaponés, “de rapazas máxicas e da subcultura lolita”, como recolle o texto de presentación de Crystal Angel. Tras recibir este galardón como algo “marabilloso”, Mericusan recoñecía estar “procesando aínda” este premio ao “traballo xigante” que supón desenvolver estas coleccións como TFM, ao tempo que sinalaba que este recoñecemento “vaime axudar 100%” no seu futuro profesional.
O xurado de Debut 2025 decidiu recoñecer tamén co premio á colección con maior valor artesanal, outorgado pola Fundación Artesanía de Galicia, o proxecto no que Antía Lameiro buscaba representar “diferentes personalidades cliché tomadas do cinema e da contorna estética e social” das universidades estadounidenses das décadas de 1960 e 1980 e que reflicten a idea dun “sono americano adolescente”.
O escaparate da “creatividade e talento dunha xeración”
De decidir as gañadoras destes premios encargouse un tribunal conformado por Alejandro Gómez Palomo, fundador e director creativo de Palomo Spain; Leticia García Guerrero, redactora xefe de moda en SModa, de El País; Aurea Aburto e Pablo Pallardo, directores de accesorios e bixutería de Bimba y Lola, e Iria Domínguez, responsable de relacións públicas de Bimba y Lola. O seu “afecto e xenerosidade respecto dos estudantes” foi salientado pola coordinadora desta titulación, Lola Dopico, na apertura dun evento que ten como obxectivo proxectar “o talento e a creatividade dunha xeración” de deseñadores e deseñadoras “que son o futuro e que son o presente xa”. Dopico quixo tamén pór en valor “o esforzo e rigor” dos novos titulados e tituladas que presentaban as súas coleccións en Debut 2025, promovido co apoio de Concello de Pontevedra, Vicerreitoría do campus, Consello Social da Universidade de Vigo, Fundación Artesanía de Galicia, Xunta de Galicia, Fundación Bimba y Lola, Deputación e Museo de Pontevedra.
Sobre a pasarela pudeiron verse, xunto ás coleccións premiadas, proxectos como que Blanca Orro articulou arredor dos insectos e o debuxo científico ou a reflexión sobre a androxinia como linguaxe estética e simbólica na moda contemporánea formulada por Belo. Sergio B. Carpintero, pola súa banda, explorou a figura do monstro a través dunha estética baseada na mutación, a fragmentación e o inacabado, mentres que Gabriela Fiori inspirou a súa colección na figura de Pablo Picasso, propondo, explica, “unha reinterpretación sensorial e simbólica da súa icononografía”.
Entre as fontes de inspiración destes TFM atópanse ademais escritoras como Sylvia Plath, punto de partida da colección de Andrea San Miguel, mentres que Marian Pérez buscou reflectirno seu proxecto o universo poético de Gloria Fuertes e Laura Varela empregou a novela O último encontro de Sándor Márai para dar forma a unha colección que fala da traizón. Por outra banda, o TFM de Claudia Ortuño propuña unha relectura do poema Aceituneros, de Miguel Hernández, a través do deseño téxtil, e o filme O espírito da colmea foi un dos xermes do proxecto que Ángel López inspirou na posguerra española. A novela e serie Normal People serviron a Raquel Mera para explorar na súa colección a idea de feminidade, mentres que André Sánchez presentou “unha reinterpretación do armario masculino desde unha perspectiva infantil”. A estas propostas sumáronse coleccións como a que Elena Antelo inspirou nos “imaxinarios do sur profundo dos Estados Unidos” ou o proxecto que Ruth Vidal sustentou nas manifestacións visuais e culturais asociadas ao turismo.
Neste desfile puideron coñecerse tamén unha trintena de proxectos realizados por 20 estudantes do primeiro curso do mestrado. Levado a cabo coa colaboración dos máis de 70 mozos e mozas que exerceron como modelos, entre as e os asistentes a Debut 2025 atopábanse o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama; o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Domínguez; o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, ou o decano da Facultade de Deseño, Marcos Dopico
Dúas exposicións pechan unha semana marcada pola moda
Máis aló do desfile, Debut 2025 abrangueu un programa de actividades ao longo desta semana, do que formaron parte dez cursos e talleres para o alumnado da Facultade de Deseño, conferencias abertas a toda a cidadanía ou as xornadas profesionais que este xoves levaron aos e ás 15 protagonistas deste desfile a manter as súas primeiras entrevistas con responsables de recursos humanos de diferentes firmas. Non obstante, a programación non se pechou co desfile deste venres, senón que continúa este sábado e domingo coa exposición das coleccións desenvolvidas como TFM no Pazo da Cultura, onde poderán contemplarse este sábado de 16.00 a 20.00 horas e o domingo de 12.00 a 14.00 horas. Sábado e domingo serán ademais as dúas últimas xornadas para contemplar no Edificio Castelao do Pazo da Cultura as prendas deseñadas por 15 estudantes do mestrado nun proxecto de upcycling desenvolvido en colaboración con Bimba y Lola e Palomo Spain.
