DUVI

Diario da Universidade de Vigo

23 proxectos presentaranse o xoves 18 sobre a pasarela do Pazo da Cultura 

Debut recupera o seu desfile co maior número de coleccións en competición

Talleres e conferencias completan unha semana dedicada á moda

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 10/11/2021

A covid-19 fixo que a edición de 2020 de Debut non contase co seu acto central, o desfile no que os novos titulados e tituladas de Esdemga presentan cada ano as coleccións que constitúen os seus traballos de fin de estudos. Un evento que o vindeiro xoves 18 retorna ao Pazo da Cultura, nunha edición que reunirá o maior número de coleccións en competición ata a data, un total de 23, entre as que figuran tanto os traballos finais defendidos este curso polos novos titulados e tituladas no Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda, como unha selección daqueles proxectos finalizados o pasado curso e que non puideron estrearse sobre a pasarela. O desfile verase complementado, ao longo da vindeira semana, por un programa de actividades centradas na moda, do que forman parte tanto talleres para o alumnado como conferencias abertas ao público.

Tres premios, 23 coleccións

A directora de Esdemga, Lola Dopico o vicerreitor do campus, Jorge Soto, e a concelleira de Cultura, Carme Fouces, presentaron en rolda de prensa o programa desta edición 2021 de Debut. O pasado curso académico, no que a pandemia impediu levar a cabo o desfile, presentáronse en Esdemga máis dunha trintena de coleccións, tanto traballos de fin de mestrado como proxectos finais da que foi a última convocatoria do título propio de Esdemga ao que substituíu o máster actual. Así, como explicou Dopico, no desfile do vindeiro xoves combinaranse tanto os proxectos da última promoción de titulados e tituladas, como unha selección dos defendidos o pasado curso. 

Concretamente, poderán verse os traballos de fin de máster de Patricia Arellano, Mireia Bruguera, Lucas Cabaleiro, Javier Cuervo, Natalia Diéguez-Bayón, Marta García, Sabela Juncal, Noemi Montenegro, Denise Pena, Santiago Proaño, Alejandro Sierra, TingTing Hu e Sergio Villasante. Completan o desfile dez proxectos finais do título propio, os de África Abadín, María Albores, Inés Charre, Naiara Gómez, María Lázara, Bibi Martín, Candela Novoa, Nerea Rodríguez, Ana Táboas e Noemi Vidal. “Detrás destas coleccións hai moito traballo e un talento excepcional”, apuntou Dopico, que salientou que “unha alta porcentaxe” dos titulados e tituladas o pasado curso xa se atopan traballando, así como o feito de que coleccións como as de Villasante e Novoa fosen previamente seleccionadas para o Ego da Fashion Week Madrid. 

Estes 23 proxectos optarán aos tres premios dunha edición con “novidades” en materia de galardóns, como sinalou Dopico. Por unha banda, co apoio de Setga outorgarase un premio ao mellor deseño e creatividade, dotado con 3000 euros, mentres que grazas á colaboración da Xunta, a través de Artesanía de Galicia e o Xacobeo, impúlsase un novo premio á colección con maior valor artesanal, dotado con 1500 euros. Con idéntica contía, entregarase un galardón á colección que destaque polas súas “aplicacións innovadoras coas técnicas de sublimación”, impulsado coa colaboración de Digipress Epson. De decidir o nome dos gañadores e gañadoras encargarase un xurado integrado por Tiziana Domínguez, directora creativa de Adolfo Domínguez; Olga Liggeri, directora xeral da revista Vanidad; Helena López de Hierro, directora do Museo del Traje de Madrid, e a consultora de moda Celeste Chipperfield. 

O desfile, que poderá seguirse en directo a través de Youtube, completarase coa presentación dunha vintena de traballos realizados por estudantes do primeiro curso do mestrado. Como explicou Dopico, tratarase dunha “edición máis limitada” en termos de aforo, que se reduce a 800 persoas. As entradas gratuítas para o desfile estanse a pór a disposición do público a través da plataforma Woutick, e despois de que se esgotase a primeira remesa, nestes días poranse a disposición as restantes, o que Esdemga anunciará a través do seu Instagram.

Un programa marcado pola “volta á casa”

Máis aló do desfile, Debut 2021 arranca o vindeiro luns cun programa de talleres e conferencias. Por unha banda, na Facultade de Belas Artes terán lugar, entre luns e mércores catro workshops. Dous deles, os que Rafael González Boyanes e Félix Martín centrarán, respectivamente, no bordado ao aire e no traballo con volumes, insírense na colaboración co evento da Xunta, a través de Artesanía de Galicia, como explicou Dopico, que destacou que a sostibilidade no sector da moda “pasa por esa relación co contexto produtivo máis próximo e cos procesos artesanais”. Outro dos talleres centrarase deseño de prendas a través da súa construción volumétrica en 3D, e correrá a cargo de dúas ex-alumnas de Esdemga, Teresa Búa e Inés Charre, da empresa Mitwill. Outra “volta a casa” será a da egresada Lucía García Rey, que impartirá o mércores un taller sobre dirección de arte en comunicación de moda. Por outra banda, entre o luns e o mércores, a Vicerreitoría acollerá tres conferencias, programadas para as 19.30 horas. A primeira delas a cargo de Inés Charre e Marta García, de Mitwill, mentres que a do martes abordará a experiencia de creación dunha marca a través do caso da firma Andion, e a do mércores será impartida pola directora do Museo del Traje de Madrid. 

En edicións anteriores, esta semana de actividades pechábase, no día posterior ao desfile, coas xornadas nas que os novos titulados e tituladas mantiñan as súas primeiras entrevistas cos responsables de recursos humanos de diferentes firmas. Desta volta, estas reunións trasládanse ao Pazo da Cultura e á propia xornada do desfile, onde as coleccións permanecerán expostas pola mañá, tanto para estes encontros coas empresas como para a súa avaliación por parte do xurado.

Un punto de encontro coa cidadanía

Na presentación deste mércores, Dopico puxo de relevo o apoio tanto da Universidade como do Concello de cara a recuperar un evento que permite a Esdemga “mostrar o que facemos” e “volver xerar eses puntos de encontro” coa cidadanía. “Debut é moito máis que un desfile, é o resultado do traballo dos titulados e tituladas, que se presenta en forma de coleccións, pero ademais é unha ponte co mundo profesional”, salientou Soto. A concelleira de Cultura, pola súa banda, puxo en valor os case 15 anos de traxectoria dun evento “dun nivel equiparable a actividades empresariais”, pero do que cómpre lembrar que é o resultado “do traballo dunha escola, do esforzo de todo o alumnado e a Universidade”. 

Por outra banda, a preguntas dos xornalistas, o vicerreitor expresou a súa “esperanza” de que o futuro Grao en Deseño, que se atopa pendente da súa aprobación definitiva por parte da Xunta, poida comezar a impartirse o vindeiro curso. Así mesmo, lembrou que a proposta do equipo de goberno é que esta nova titulación, que comezaría a impartirse no Edificio Administrativo da Xunta en Benito Corbal, teña posteriormente como sede o edificio que se prevé construír na parcela da antiga Tafisa, que agardan “sexa unha realidade nos próximos catro anos”. 

Programa Debut 2021