DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na Facultade de Ciencias da Educación

"Debut07 "será o escaparate para os proxectos da primeira promoción de Esdemga

O próximo xoves, 29 de novembro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Ana Terceiro DUVI 26/11/2007

Nas pistas da nova Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte terá lugar, o próximo xoves 29 de novembro, o desfile Debut07, no que as alumnas da primeira promoción da Escola de Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galicia, mostrarán ao público os seus proxectos finais. Quince novas deseñadoras presentarán seis estilismos completos que reflicten o seu universo persoal de creación, un traballo esmerado e laborioso, unha busca conceptual e material que desemboca na experimentación téxtil.
As alumnas da primeira promoción desta titulación propia da Universidade de Vigo, tras unhas exitosas prácticas e cunha moi positiva acollida por parte do sector empresarial, elaboran esta actividade en colaboración con diversas entidades e empresas. Trátase de “un proxecto preparado con moito mimo no que se está a coidar a escenografía, son, iluminación, montaxe, ambientación e desde logo, cada nimio detalle dos estilismos que se presentarán”, comentou a subdirectora de Esdemga, Cristina Varela.
Dezaoito modelos que foron seleccionados mediante un casting, no que o único requisito era medir máis de 1,70 cm, serán os que vistan os deseños das estudantes. O xurado, composto pola directora da escola, Lola Dopico, os profesores da área de deseño, Charo Froján e Alfredo Olmedo, e un representante dos alumnos, explicou que se buscaron rapaces sen importar o sexo, a beleza ou o peso.

Unha conexión co exterior

Propostas como estas enmárcanse no contexto de actividades que, organizadas desde a dirección da titulación, teñen como obxectivo conectar aos alumnos coa realidade exterior do mundo laboral. Entre estas iniciativas, Cristina Varela, destacou a exposición Esdemga 2.1 que permanecerá ata o vindeiro 6 de xaneiro na Casa Galega da Cultura en Vigo, unha montaxe en maniquíes que permite apreciar de preto o desenrolo procesual, técnico e conceptual do traballo da segunda promoción da titulación. Tamén hai que subliñar que os novos deseñadores que participan no desfile son os mesmos que confeccionaron a roupa do persoal de atención ao público do CGAC, o Centro Galego de Arte Contemporáneo, no primeiro encargo público a estes estudantes.