DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En dez anos o Centro de Linguas outorgou máis de 2200 certificados de nivel 

Unha década e case 4000 persoas examinadas de inglés CertAcles na UVigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Internacional
  • Académica
Mº del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 26/05/2022

En xuño de 2012 a UVigo realizaba por vez primeira exames de inglés CertAcles. Transcorrida case unha década desde entón, o número de convocatorias acada as 25 de nivel B1, 22 de B2 e 17 de C1, mentres que o número de persoas examinadas ascende a 3931 e o de certificados outorgados a 2223. “Cando nos asociamos con CertAcles en 2011, o obxectivo da nosa directora entón, Dolores González Álvarez, foi ofrecer aos membros da comunidade universitaria de acreditar os seus coñecementos en idiomas estranxeiros e que esta acreditación fose recoñecida non só en España, senón tamén nos demais países de Europa”, explica Jeff Beasley, coordinador do departamento de inglés e responsable dos exames CertAcles deste idioma, que lembra que para lograr o dereito a usar este selo tiveron que crear especificacións para os idiomas e os niveis que querían ofrecer e pasar por un proceso de acreditación, que obrigou á maioría de docentes a partir de cero e formarse en como crear exames.

“Foi todo un proceso de aprendizaxe e aínda o segue a ser”, sinala Beasley, que lembra que ao ser membros de CertAcles, as e os docentes do Centro de Linguas da UVigo asisten a congresos e cursos sobre a creación de exames. “Creo que somos mellores profesores por aprender a ser mellores avaliadores”, sinala.

Vantaxes dunha certificación con selo CertAcles 

Entre as vantaxes que para os membros da comunidade universitaria ten dispor dun certificado con selo CertAcles, Jeff Beasley destaca a de “poder acreditarse nun idioma por un prezo moito máis económico que os exames de Cambridge ou outras compañías privadas”. Nunha nova convocatoria realizada a semana pasada, entre os días 18 ao 20 de maio, as e os aspirantes ao certificado volveron enfrontarse ás catro partes da proba que conforman o exame: comprensión lectora, comprensión auditiva, produción escrita e produción oral.

A maiores dos exames CertAcles de inglés, o Centro de  Linguas da UVigo tamén realiza probas de francés e alemán. Coa vista posta no futuro “o noso obxectivo é ofrecer exames de español”, adianta Beasley.