DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O decano de Ciencias da Educación despide aos estudantes Erasmus do seu centro cunha cea de confraternidade

Os alumnos salientaron a boa acollida que tiveron e a implicación dos profesores

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 25/01/2008

Co cuadrimestre a piques de rematar termina tamén a estadía dalgúns Erasmus no campus. Para despedir aos sete alumnos italianos, brasileiros e portugueses que acolleu a Facultade de Ciencias da Educación, o seu decano e coordinador, Xosé Manuel Cid convidounos a unha cea de confraternidade á que tamén acudiron Ana Méndez, profesora de Educación Social, e Marta Súarez, responsable de ORI.
No que definiu como “o noso ano máis internacional” Cid salientou a amizade que xurdiu entre o grupo, “outros anos nin chegamos a coñecer case aos Erasmus pero estes pasaron moitas veces polo decanato e establecemos unha relación especial, fixemos moitas cousas xuntos” explicou. Entre outras actividades os estudantes recordaban a visita a Castro Caldelas con motivo dun curso ou as excursións aos Canóns do Sil, Santiago, Vigo ou a Coruña. Incluso realizaron a viaxe a ao Parlamento Europeo en Bruxelas cos alumnos de Dereito, “grazas a Iago Fariñas, o vicedecano de Estudantes e Actividades Culturais desa facultade, que ademais nos axudou en todo” comentaba Gian Luca Cincotta, que destacaba tamén “a boa acollida” que tiveron.
En canto ás diferenzas nas aulas, Giovanna Minini explicou que “en Nápoles, de onde eu veño a universidade está moito máis xerarquizada, os profesores son máis estritos e a relación máis distante, aquí podes preguntar ou ir a titorías cando queres, sen medo porque están á túa disposición e sempre che preguntan se entendiches o se tes algunha dúbida” dixo. Todos destacaban tamén os tópicos da vida española entre os que a estrela é “a festa, por suposto”, coincidían.
Agora é tempo de volver a casa para Nives, Ana Patricia, Krisiane, Gian Luca, Giovanna e os seus compañeiros tras unha experiencia en España que se fixo moi curta e que os deixou con ganas de máis. “Cando comezan a defenderse no idioma e non só a entender as palabras senón o que hai detrás delas, teñen que volver” dixo o decano, que para o segundo trimestre agarda a chegada doutros cinco Erasmus para a súa facultade. O campus, que no primeiro cuadrimestre recibiu un total de 57 alumnos, recibirá no segundo a 28 máis entre todas as titulacións.