DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo un informe elaborado polo profesor Juan Picos no marco do grupo operativo Genmac

A demanda de madeira de piñeiro experimentará un crecemento sostido vinculado á construción

Ao tempo que algúns países poderían ver reducida a súa oferta de materia prima

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI Pontevedra 23/09/2020

O mercado da madeira serrada de árbores da familia das coníferas, como o piñeiro, experimentará nas próximas décadas un “crecemento sostido”, derivado principalmente da demanda deste recurso por parte do sector da construción. Esta é a principal conclusión do informe sobre as perspectivas futuras do mercado desta madeira que o director da Escola de Enxeñaría Forestal, Juan Picos, realizou no marco dos traballos do grupo operativo Genmac. Contribuír a incrementar a competitividade deste sector a través dun mellor uso dos recursos xenéticos é o obxectivo central dun proxecto que nestes días celebra, a través da rede, os seus últimos seminarios, como o celebrado na mañá deste mércores, no que Picos deu conta das principais conclusións dun estudo que xa abordara previamente cos diferentes socios do proxecto.

A Confederación de Organizacións de Silvicultores de España, Neiker-Tecnalia, o Clúster da Madeira e do Deseño de Galicia, Tragsa e os outros dous centros de investigación vinculados co eido forestal con sede en Pontevedra, a Misión Biolóxica de Galicia (CSIC) e o CIF de Lourizán, son os socios deste grupo operativo supraautonómico, beneficiario dunha axuda Feader de máis de 500.000 euros nunha convocatoria da Asociación Europea para a Innovación en Materia de Produtividade e Sustentabilidade Agrícolas (Aei-Agri). Centrado en promover o uso dos mellores materiais forestais de reprodución para incrementar a produtividade e calidade na produción de madeira de coníferas, a EE Forestal achegou ao proxecto unha análise dirixida a coñecer, “desde o punto de vista do mercado e das industrias”, que factores sería necesario ter en conta en materia de mellora xenética. Nese obxectivo insírese o informe Perspectivas futuras del mercado de la madera de coníferas, que será publicado como un dos resultados finais deste grupo operativo, e así como a enquisa que Picos realizou a diferentes industrias, cuxos resultados serán presentados polo Clúster de Madeira a vindeira semana no seminario final do proxecto. 

Un mercado en crecemento

“Todo indica que vai haber un incremento do consumo moi importante desta madeira, derivado sobre todo da construción”, salienta Picos, que incide no seu informe en que, segundo a Plataforma Tecnolóxica Forestal Europea, en 2040 a construción con base biolóxica no continente triplicará a súa cota de mercado con respecto a 2015. Tratarase, así mesmo, dun crecemento vinculado a “tecnoloxías e produtos relativamente innovadores”, como a madeira contralaminada (CLT) ou a chapa de madeira laminada (LVL), “que permiten facer construcións estruturais· de madeira" e que se realizan fundamentalmente a partires de coníferas, xa que “teñen menores densidades que as frondosas e tamén menos taninos”. 

O informe, ao que no seminario desta xornada Picos engadiu unha análise respecto dos efectos da covid-19 nesta industria, ten como punto de partida unha análise do contexto internacional da industria baseada na madeira de coníferas, como a do piñeiro no noroeste penínsular ou a de abeto en América do Norte e no centro de Europa. Nel, obsérvase como nos primeiros anos do presente século se rexistraron xa aumentos de produción e de comercio internacional, pero tamén como “a maior parte dos gobernos” teñen establecido “incentivos á construción en madeira, que fan prever que este é un mercado que vai crecer”, sinala Picos.

Un mercado con “ocos” na oferta futura

Máis aló deste previsible crecemento, as perspectivas de futuro veñen marcadas tamén por “outro factor moi importante e moi relacionado co cambio climático, que é que en moitos países as masas de coníferas están en retroceso”. Deste xeito, sinala Picos, poderían darse á vez dúas circunstancias, “que haxa un certo incremento do consumo e unha diminución dos recursos que ata agora eran a materia prima”. De aí que o investigador poña o acento no “oco” que poderían atopar no mercado aqueles países ou rexións “que sexan capaces de producir madeira de piñeiro para a construción nun tempo máis curto”, dada a mortalidade de grandes masas de coníferas en América do Norte ou no centro de Europa que fan que países que “tradicionalmente dominaban este recurso” poidan a medio prazo “pasar apuros” para prover esta demanda crecente.

A partires deste escenario, o informe pon o foco na existencia dunha “oportunidade de mercado” nas próximas décadas no referido á produción de madeira “coa suficiente calidade tecnolóxica” como para ser empregada en sectores emerxentes como á construción. Nese senso, Picos sinalou tamén na súa análise unha serie de accións precisas para “aproveitar esa oportunidade” e que abranguen desde o mantemento da superficie dedicada ao piñeiro en España e a mellora dos procesos silvícolas ao impulso da mellora xenética no referido á características, como a resistencia, acordes coas necesidades deste sector.