DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo dirixe o proxecto espacial HUMSAT co respaldo da ONU e da ESA

Democratización do control do cambio climático e de situacións de emerxencia en países en vías de desenvolvemento

O proxecto comezará en novembro co lanzamento dun satélite demostrador desde Kazajstán

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 04/06/2012
En tan só nove meses a Universidade de Vigo será quen de poñer en órbita dous satélites que aínda que similares no seu deseño, difiren amplamente nas súas funcións e obxectivos. Á posta en órbita o pasado mes de febreiro de XaTcobeo, seguiralle o vindeiro novembro a de HUMSAT/DEMO, un satélite demostrador coa función de validar a viabilidade do proxecto HUMSAT promovido e desenvolvido pola Universidade de Vigo co apoio da ONU e da Axencia Espacial Europea. O satélite demostrador de 850 gramos de peso e que percorrerá unha órbita circular a unha altura constante duns 700 quilómetros, é a primeira peza da constelación de satélites, sensores e estacións de terra que conforman o proxecto HUMSAT que permitirá a través dunha rede mundial de sensores de menos de 10 dólares monitorizar parámetros para estudar o cambio climático en zonas sen infraestruturas de telecomunicación ou eléctricas, así como a transmisións de información urxente en situacións de emerxencia. “Isto supón un fito moi importante para nós” asegurou o investigador principal do proxecto, o profesor da Universidade de Vigo, Fernando Aguado, “porque nos permite pasar dun proxecto educativo como XaTcobeo outro que con cobertura mundial permitirá controlar o cambio climático e as situacións de emerxencia”.

Cal Poly, UNAM, Baja California, Torino, Sapienza, Nardvik e Alcalá de Henares, son as sete universidades que unha vez comprobada a viabilidade da estrutura desenvolvida pola Universidade de Vigo, construirán os oito satélites que xunto a un noveno do que se encargará a institución académica viguesa, completarán, previsiblemente en 2014, constelación HUMSAT que Mazlan Othman, directora da Oficina das Nacións Unidas para Asuntos do Espazo, encadrou no Programa de Iniciativas Básicas de Nacións Unidas, BSTI, “que tamén se utiliza”, asegurou “como un marco para a execución de proxectos rexionais ou internacionais relacionados coa creación da capacidade tecnolóxica espacial”.

No acto de presentación pública de HUMSAT no que Piero Galeone, xefe de proxectos da Oficina de Educación e Xestión do Coñecemento da Axencia Espacial Europea cualificou o proxecto como “precioso”, o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, demandou ás autoridades sensibilidade e colaboración para que “nos axuden a conseguir os recursos que necesitamos”. Pola súa banda o vicerreitor de Transferencia do Coñecemento e investigador do proxecto HUMSAT, José Antonio Vilán deixou claro que con XaTcobeo e HUMSAT non rematan as achegas da Universidade de Vigo ao sector aeroespacial xa que na actualidade está a traballar coa Axencia Espacial Europea nos satélites ESEO, European Student Earth Orbiter, de 120 kg e ESMO, European Student Moon Orbiter de 125 Kg nos que a institución académica será responsable das estacións terreas. A estes proxectos súmase FEMTOXAT de só 250 gramos que actuará como repetidor de sinais de sensores HUMSAT e un microsatélite comercial de 50 kgs que permitirá a detección de incendios forestais e o estudo do medio mariño.

HUMSAT: como, cando e por que

Concibido no ano 2008 froito do traballo conxunto dos enxeñeiros e profesores das universidades de Vigo e Cal Poly, respectivamente, Fernando Aguado e Jordi Puig-Suari, HUMSAT é unha constelación de satélites, sensores e estacións de terra, nacida cun marcado carácter de cooperación internacional e orientada ao desenvolvemento das capacidades no sector espacial, sobre todo en países emerxentes. Os satélites integrados no proxecto, ao pasar por riba dos sensores recollerán datos que permitirán estudar o cambio climático en zonas sen infraestruturas de telecomunicación ou eléctricas , así como a transmisións de información urxente en situacións de emerxencia e a través das estacións terreas da rede mundial GENSO, empregando unha banda de radio UHF, descargarán e porán en internet esta información a disposición do usuario final. O proxecto se iniciará con nove satélites construídos por universidades europeas e americanas e poderase ir ampliando coa adición de satélites, sensores e estacións terreas a medida que sexa preciso. “Asequible, solidario, escalable e cooperativo”, son segundo Fernando Aguado as peculiaridades dun proxecto que permitirá “abrir un novo segmento no mercado espacial” e que, segundo o reitor, Salustiano Mato, “axudará a mover o mapa industrial de Galicia”, conformándose como “unha oportunidade única para Galicia” coa que “ofrecer e abrir oportunidades ao talento que xa temos agora en Vigo”.

Os grupos SC1 / Equipo de Radiocomunicacións e SC7/ Equipo de Antenas, Radio e Tecnoloxías Ópticas da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación; EG6/Equipo CIMA e TE4/ Equipo de Electrónica de Potencia da Escola de Enxeñaría Industrial e LIA2/ Laboratorio de Informática Aplicada da Escola Superior de Enxeñaría Informática, conforman o Agrupamento Aeroespacial da Universidade de Vigo que integran “60 doutores profesores, 70 egresados no campo aeroespacial e 15 enxeñeiros que están a desenvolver “, detallou o investigador e vicerreitor de Transferencia do Coñecemento da Universidade de Vigo, José Antonio Vilán. Eles foron os encargados de deseñar toda a infraestrutura do proxecto e serán responsables de implementar a infraestrutura de terra para que o resto de universidades que participan no proxecto poidan lanzar os satélites e ubicar os sensores. Así mesmo encargaranse de centralizar toda a recepción da información captada polos satélites como paso previo a súa distribución entre os usuarios do sistema. A publicación e mantemento da documentación que permite manter a compatibilidade entre os compoñentes do sistema; o deseño, construción e lanzamento do primeiro satélite de demostración de funcionamento do sistema: HUMSAT/DEMO e a creación dos primeiros sensores de demostración do sistema e montaxe da primeira estación de control do sistema HUMSAT/DEMO, son outras funcións que están a desenvolver e terán que levar a cabo os integrantes do Agrupamento Aeroespacial.

O lanzamento do HUMSAT/DEMO terá lugar o vindeiro 20 de novembro en Baikonur (Kazajstán) e realizarase a bordo do foguete Dnepr. O satélite da Universidade de Vigo irá, a súa vez, aloxado no interior dun satélite da Universidade de Roma que será o encargado da súa posta en órbita.

ONU e ESA, parceiros e luxo

En nome da ONU e da ESA, Mazlan Othman, manifestaron a súa satisfacción por participar xunto á Universidade de Vigo no proxecto HUMSAT que no ano 2009 foi seleccionado polo Programade Iniciativas Básicas da Organización de Nacións Unidas o que supuxo un cambio substancial nos proxectos auspiciados pola ONU que por primeira vez incluía nos seus programas de cooperación internacional o desenvolvemento de satélites e non só de aplicacións no campo espacial. Co obxectivo de abordar a crecente importancia nos pequenos satélites na educación, a ciencia básica e as aplicacións operativas e promover a cooperación internacional, o programa BSTI, desenvólvese, segundo detallou Othman en varias liñas de actuación como son a realización de simposios e workshops, deseño de plans de estudos para a súa utilización en institucións académicas e programas de bolsas. Na súa intervención, Othman destacou a idoneidade dos nano satélites que poñen ao alcance dos países e institucións con recursos limitados as actividades espaciais, ao tempo que permiten “adaptar o seu tamaño e custo a necesidades e obxectivos específicos e sentar as bases para o establecemento de programas espaciais sostibles e negocios”.

Pola súa banda Piero Galeone, xefe de proxectos da Oficina de Educación e Xestión do Coñecemento da Axencia Espacial Europea, destacou a importancia de introducir ao alumnado neste tipo de proxectos. “Para eles é un modo extraordinario de adquirir máis competitividade e conseguir mellores traballos”, subliñou, ao tempo que fixo fincapé, en que estes proxectos son un excelente “catalizador” para promover spin-offs de carácter universitario.

 

Dossier Proxecto Humsat (7,16 MB)