DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Foro Económico celebra unha xornada sobre esta temática

A demografía, primeiro reto para “pensar a Galicia de 2040”

Xosé Carlos Arias, Domingo Docampo e María Cadaval son os responsables desta liña de análise

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI Ourense 06/03/2020

O Foro Económico de Galicia, coordinado desde o campus de Ourense polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen), abriu o pasado ano unha nova liña de traballo que leva por nome Galicia 2040 e que ten como reto “pensar a Galicia do futuro” ante “a necesidade dunha reflexión a longo prazo, de fuxir do curtoplacismo e as urxencias do presente”. No marco desta iniciativa, este venres a entidade aborda nunha xornada o reto demográfico.

Dirixida polos catedráticos da Universidade de Vigo Xosé Carlos Arias e Domingo Docampo e pola profesora da Universidade de Santiago de Compostela María Cadaval, Galicia 2040, explican en nota de prensa desde a entidade, xorde ante a convicción de que “resulta imprescindible planificar para adiantarse aos retos do futuro, máis aínda cando se está a reflexionar sobre cambios substanciais no eido económico, social e asistencial”. “Cómpre traballar conxuntamente con gobernos, empresas e institucións para debullar o futuro da rexión”, subliñan desde o Foro Económico de Galicia.

Deriva poboacional

O primeiro dos eixes a analizar no marco desta liña de traballo é, segundo indican desde o Foro Económico, a demografía, celebrándose este venres na sede do Consello Económico e Social de Galicia, en Santiago de Compostela, a xornada Galicia 2040: o reto demográfico. “Coas cifras na man, os académicos e outros expertos convidados polo foro analizarán nela como será a Galicia de 2040 e como poder alterar as proxeccións para evitar os efectos máis negativos”, indican desde a organización. A cita, sinalan, quere afondar en “que debemos facer hoxe para anticiparnos á deriva poboacional dos galegos de aquí a 20 anos”.

O cambio demográfico, destacan desde o Foro Económico de Galicia, “reflicte novos escenarios que no eido económico demandan proxectos ambiciosos de transformación da xeración do valor, do modelo produtivo e de competitividade empresarial”. Por outra banda, engaden, no ámbito da prestación de servizos públicos “requírense servizos e infraestruturas públicas máis eficaces, flexibles e adaptadas aos novos tempos”. Neste contexto, desde a entidade apuntan a que “a mellor política demográfica é aquela que contempla o incremento e a mellora dos stocks de capital físico, humano, tecnolóxico, organizativo, innovador e social”. Todos estes factores, detallan os expertos, son “retos reais que se deben afrontar para adaptarse aos cambios na composición das familias, do mercado laboral, da educación, da vivenda e da funcionalidade territorial. Condicións necesarias para encarar un futuro aínda por escribir”.