Nunha xeira que se celebrará o 17 de decembro en sesións de mañá e tarde
O Departamento de Filoloxía Galega da UVigo reflexionará sobre os seus retos e o seu futuro
Media ducia de docentes compartirán experiencias e abrirán novas liñas de colaboración
Seguindo o ronsel do seminario O dereito tamén en galego, celebrado en outubro no campus de Ourense, e do simposio A educación tamén en galego, desenvolvido en novembro en Pontevedra, a Facultade de Filoloxía e Tradución do campus de Vigo acollerá o vindeiro 17 de decembro a xeira As linguas, tamén o galego, “unha oportunidade para reflexionar sobre o futuro do Departamento de Filoloxia Galega”, segundo explica, o director da Área de Normalización Lingüística da UVigo e impulsor da iniciativa, Benigno Fernández Salgado.
En sesións de mañá e tarde, unha ducia de docentes de Departamento de Filoloxía Galega reflexionarán sobre o seu futuro, presentando en exposicións duns 20 minutos liñas de traballo, teorías ou prácticas que axuden a definir cara onde evolucionar. “A resposta do profesorado foi moi positiva”, sinala Benigno Fernández, que tamén destaca que a organización contou coa suma de esforzos entre do Departamento e a Área de Normalización Lingüística, “coa vontade común de promover o uso e prestixio do galego na nosa universidade”.
Motivar a reflexión colectiva sobre os retos actuais da lingua e a literatura galegas; difundir investigacións recentes en ámbitos como a neoloxía, análise do discurso ou creación literaria e promocionar espazos de colaboración que impulsen novas liñas de traballo, son os obxectivos desta xeira, organizada, ademais de polo director de ANL, polas docentes e investigadoras do Departamento de Filoloxía Galega, Mercedes González Vázquez e Alicia Sentí Janssen.
Catro mesas e unha conferencia
Dirixida a estudantes e profesorado da Facultade de Filoloxía e Tradución e a persoas interesadas na lingua e literatura galegas, na investigación filolóxica, educación, socilingüística e nas relacións entre lingua, sociedade e cultura, a xeira comezará ás 9.30 horas cunha apertura institucional, á que seguirá unha mesa sobre historia e discurso na que participarán Manuel Forcadela, Benigno Fernández Salgado, Alexandre Rodríguez e Xosé María Gómez Clemente. A segunda das mesas centrarase en educación, literatura e lingua e estará protagonizada polas intervencións de Alicia Sentí, Ana Acuña e Mercedes González.
Xa pola tarde, a xeira reanudarase cunha mesa sobre lingua e sociedade con Ana Iglesias e Xosé-Henrique Costas e outra sobre arte, cultura e investigación, coa participación de Verónica Pousada, Burghard Baltrusch e Xosé A. Fernández Salgado. Antes da clausura Alberto Pombo ofrecerá unha conferencia titulada Pensar o porvir da filoloxía galega.
