DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría do campus acolleu a presentación do programa ‘Juega Limpio’

O deporte, “unha ferramenta educativa de primeira orde”

Coordinado polo ex-director da Agencia Estatal Antidopaje Javier Martín del Burgo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Publicacións
  • Deportes
DUVI Pontevedra 24/05/2019

Pola súa gran capacidade de implantación, aceptación e seguimento entre a mocidade, o deporte constitúe “unha ferramenta educativa de primeira orde”, salienta o ex-director da Agencia Estatal Antidopaje e presidente do Consejo Académico e Científico Asesor da Universidad Isabel I, Javier Martín del Burgo, coordinador do programa Juega limpio. El valor educativo y social del deporte, que este venres presentaba na Vicerreitoría. Un libro de apoio que se distribúe de xeito gratuíto, recursos audiovisuais e outra serie de propostas para docentes e adestradores integran o programa que Martín del Burgo desenvolveu coa editorial Anaya e que busca pór o foco na necesidade de “aproveitar o valor educativo e o potencial do deporte” para difundir “valores de superación, traballo en equipo, responsabilidade e respecto ás normas e ao adversario”, como salientou o seu coordinador na que foi a primeira presentación desta iniciativa en Galicia.

Promovida pola Vicerreitoría e o Centro de Estudos Olímpicos da Universidade de Vigo, esta presentación contou coa participación do vicerreitor do campus, Jorge Soto; o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete, o director editorial de Anaya Educación, Jorge Pimienta, e a directora do Centro de Estudos Olímpicos e membro da Real Academia Olímpica Española, María José Martínez Patiño. “Estamos a presentar unha obra moi importante para entender dunha forma transversal o que son os valores educativos dentro do deporte”, salientou Soto, quen incidiu en que “os valores axúdannos a entendernos e a entender o mundo que nos rodea”, á vez que puxo de relevo a importancia que ten o deporte na cidade e no campus de Pontevedra. Como “un proxecto necesario, que lle dá ao deporte o espazo lexítimo que ten na sociedade”, definiu este proxecto Lete Lasa, quen subliñou o papel do deporte como “unha fábrica de valores individuais e colectivos”, desde o “saber gañar e o saber perder”, ata o “respecto ás normas e ao adversario, o traballo en equipo e o xogo limpo”. 

Con propósito de promover esas ideas precisamente, Juega limpio elaborouse coa  finalidade de “ser unha ferramenta que poñemos á disposición do profesorado e dos técnicos deportivos para axudar á formación integral da nosa mocidade”, explicoiu Pimienta, nun acto que, como explicou Martínez Patiño, constitúe unha das “moitas actividades que imos ter a oportunidade de desenvolver” da man do Centro de Estudos Olímpicos, co que Martín del Burgo “comprometeuse a ternos como centro de referencia”, sinalou esta investigador do grupo de investigación da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte GIES-10, que coordina a catedrática Margarita Pino. 

Unha imaxe de solidariedade, respecto e tolerancia

Ex-deputado no Congreso e ex-viceconselleiro de Deportes de Castilla-La Mancha, Martín del Burgo, presentou por unha banda un libro “de apoio dirixido a todas aquelas persoas que teñen a responsabilidade de educar e conducir a actividade da mocidade”, e que reúne as achegas de ex-deportistas como Theresa Zabell, Eduardo Chozas, José Javier Hombrados, Arturo Casado ou Fernando Romay, pero tamén de académicos, xuristas, docentes ou responsables públicos. Estruturado en seis bloques, o libro aborda aspectos como a formación de personalidade mediante o deporte, a educación das emocións, as implicacións do deporte na saúde e na socialización ou os valores e fundamentos éticos e xurídicos da práctica deportiva. “O deporte proxéctase en espazos polivalentes e estes espazos tan amplos e diversos póñennos ante dúas situacións que son antitéticas; o deporte pode darnos unha imaxe espectacular de xogo limpo, solidariedade, tolerancia e respecto, pero tamén pode darnos a contraria, aquela que nos crea problemas de conduta”, sinalou Martín del Burgo, quen incidiu así mesmo en que outros dos obxectivos da iniciativa é convidar ás comunidades autónomas “a que cren o premio ao valor educativo do deporte”, á vez que lembrou como este valores educativos e sociais do deporte son algo xa presente "desde as primeiras Olimpíadas da etapa moderna". 

Xunto a este libro, o programa inclúe tamén dous recursos audiovisuais, que o seu coordinador presentou  tamén neste acto. Un reúne as declaracións de diferentes responsables públicos e da vintena de coautores e coautoras do libro, mentres que outro presenta, valéndose do exemplo de múltiples deportistas, o decálogo de valores que completa esta publicación, e que fai referencia á importancia do traballo en equipo, de coñecerse a un mesmo e esforzarse por mellorar, do respecto tanto ás normas como a educadores, adestradores e familiares, da convivencia ou do compromiso.