DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Escola de Enxeñaría de Minas festexa o venres 1 e o luns 4 de decembro a súa patroa

Deporte, relatorios e entrega de premios para honrar a Santa Bárbara

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría DUVI 27/11/2017

As celebracións da patroa da Escola de Enxeñaría de Minas quecen motores cara o seu inicio o vindeiro venres 1 de decembro cunha xornada, na que o deporte e a entrega de premios do concurso fotográfico Enfocarme, serán os protagonistas dun calendario de actividades que se completará o luns 4, día no que se celebrará o acto académico Santa Bárbara 2017. O 1 de decembro as actividades comezarán ás 10.00 horas no pavillón do campus de Vigo cos partidos de fútbol sala que, en categoría masculina e feminina, enfrontarán ao alumnado co profesorado da escola.

O fútbol sala deixará paso a partir das 12.30 á VIII Carreira Popular Santa Bárbara, na que, nas categorías masculina e feminina para, por unha banda alumnado, PDI e PAS da escola e por outra, para persoas externas ao centro, as e os participantes medirán a súa velocidade e resistencia sobre unha distancia de 5000 metros. A entrega de trofeos para as e os tres primeiros clasificados de cada categoría terá lugar a partir das 13.30 horas na entrada de Escola, onde, a esa mesma hora, inaugurarase a exposición e entregaranse os premios do Concurso Fotográfico Enfocarme. Cunha temática centrada nos recursos mineiros e enerxéticos, a primeira edición do concurso fotográfico repartirá 600 euros entre as e os premiados. Un xurado formado polo fotógrafo profesional Javier Herranz e que completa persoal e alumnado do centro, será o encargado de elixir as imaxes gañadores do certame, que entregará unha cámara réflex dixital valorada en 400 euros á primeira ou primeiro galardoado; unha cámara dixital compacta valorada en 150 euros, ao segundo premiado e unha mochila fotográfica valorada en 50 euros, ao terceiro.

Proxecto Touro e premio ao mellor expediente de mestrado, para o acto académico

O luns 4 de decembro a partir das 12.00 horas, na aula de grao da Escola, desenvolverase o acto académico de celebración da patroa, que se iniciará cunha conferencia do enxeñeiro de Minas de Atalaya Mining e técnico responsable do Proxecto Touro, Celso Penche, que abordará as accións previstas para a reapertura da antiga mina de cobre de San Rafael, localizada nos municipios coruñeses de Touro e O Pino. Trala presentación do novo vídeo promocional da Escola terá lugar unha intervención do decano delegado en Galicia do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas de Minas do Noroeste, Juan José Iglesias. O acto académico de Santa Bárbara 2017 finalizará coa entrega do premio ao mellor expediente da II promoción do Mestrado Universitario en Enxeñaría de Minas.