DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cos ouros de Lydia Pérez e Noelia Lalín; prata de Nerea Pampín e bronce de Cristina Alves

As deportistas do equipo de loita revalidan en Jaén o título de campioas de España

En loita masculina Pablo García tamén acadou a medalla de Ouro e Andrés Torres acabou 5º

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
D. Besadío DUVI 14/05/2018

 A firme aposta da Universidade de Vigo polo deporte feminino segue dando os seus froitos, froitos que chegan en forma de medallas da man, nesta ocasión, do equipo feminino de loita, que esta fin de semana foi quen de revalidar en Torredelcampo (Jaén) o título de campión de España de Loitas Olímpicas. Os nomes propios da competición foron Lydia Pérez (en 63 Kg) e Noelia Lalín (en 75 kg), que acadaron sendas medallas de ouro; Nerea Pampín (en 63 Kg), medalla de prata; e Cristina Alves (en 52Kg), medalla de bronce. A elas hai que sumar tamén os éxitos en loita masculina dos seus compañeiros Pablo García, medalla de ouro en 80 Kg, e Andrés Torres, en 90 kg, que finalizou en quinto lugar. En total as e os universitarios vigueses volveron de Andalucía con tres ouros, unha prata e un bronce.

Esta vitoria ten un sabor especialmente doce para Noelia Lalín para quen este ouro supón revalidar por terceiro ano consecutivo o seu título de campioa de España Absoluta. “Estou tremendamente contenta cos resultados que acadamos esta fin de semana, sabiamos que tiñamos moitas posibilidades e, finalmente, conseguímolo”, explica Lalín, alumna do Máster de Nutrición, quen fixo tamén fincapé en que a maior ilusión agora sería ir ao mundial, cita para a que xa están todas clasificadas, pero que non saben seguro se poderán ir, xa que, nesta ocasión, a cita celebrarase a primeira semana de setembro en Goiana, Brasil. “A todas nos encantaría ir pero ao ser en Brasil os custes dispáranse, así que agora toca valorar o custe desta viaxe e demais”, recalca a deportista.

No caso de Lydia Pérez, alumnada do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, esta é a súa primeira medalla de ouro nun Campionato de España Universitario. “O ano pasado conseguín a prata e, este ano, o ouro. As cousas non puideron saír mellor, tanto a nivel indiviual como por equipos”, explica a deportista, quen recalca que, “oxalá poidamos ir ao mundial, estou segura de que temos moitas posibilidades”.

O equipo da Universidade de Vigo estivo dirixido neste campionato de España universitario polo técnico Marcos Miragaya, profesor na Facultade de Ciencias da Actividade Física e do Deporte. Xunto a Vigo participaron tamén as outras dúas universidades galegas convertendo así a delegación galega nunha das máis concorridas e exitosas –conseguíronse tres ouros, cinco pratas e dous bronces-.

Begoña Crespo, campioa galega de Orientación en bicicleta de montaña

En Orientación o éxito chegou tamén esta fin de semana da man dunha muller, neste caso Begoña Crespo, que foi quen de impoñerse na categoría Feminina-50 e coroarse como campioa galega 2018 de orientación en bicicleta de montaña, título que vén precedido dunha notable actuación da orientadora universitaria viguesa no Campionato de España de MTBO, no que acadara unha quinta praza en longa distancia.

A competición, organizada polo Club Fluvial de Lugo coa colaboración da federación galega, tivo lugar no concello lugués de Begonte e a zona de competeción abarcaba unha extensa rede de camiños e sendas dun monte típico galego. Participaron arredor de cento cincuenta corredores e corredoras, entre eles outros dous participantes da Universidade de Vigo: José Luis Iglesias e Patricipo Peláez, quen acadou a novena praza en categoría masculino-50.

A vindeira fin de semana as probas de Orientación trasladaranse a Soria, onde se celebra a segunda fase do Campionato de España de Orientación a Pé 2018. Os concellos sorianos de
Navaleno, Duruelo de la Sierra e Cabrejas del Pinar acollen a proba de longa distancia e os
relevos mixtos, ambas valedoiras para o Campionato de España, ademais dunha proba de
media distancia puntuable para Liga Española. A Universidade de Vigo estará representada
por catro orientadores, entre eles Brais Piñeiro, quen se convertía no campión galego
universitario 2018 o pasado 21 de abril en Santiago de Compostela.

O equipo de tenis clasificado para a fase de ascenso

En tenis as cousas non lle puideron saír mellor ao equipo masculino A –o único que xogaba esta fin de semana- ao gañar por 4-3 fronte ao equipo Empresariais de Ourense, vitoria que lle outorga o pase á disputa da fase de ascenso. Ademais, o vindeiro domingo xogarase tamén o 2º posto contra o Tenis Ponteareas nas pistas da Freixa, partido que fora aprazo pola chuvia.

O encontro fronte ao equipo ourensán disputouse o sábado no campus de Vigo e a alineación estivo composta por, do 1º ao 5º posto, Pablo León, Alejandro Vega, Jorge Comesaña (capitán e adestrador dos equipos), e Lois e Yago González.