DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O proxecto é froito da cooperación coa Vicerreitoría

A Deputación de Ourense presenta un ambicioso programa de 100 becas internacionais para o campus

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 13/02/2008

O campus de Ourense desmárcase do resto de Galicia ofrecendo o maior número de bolsas internacionais da comunidade para a realización de prácticas na Unión Europea. Cun total de 100 prazas nesta primeira convocatoria, o Programa Europeo de Bolsas Internacionais está promovido pola Deputación de Ourense en colaboración coa Vicerreitoría. Grazas a isto poténciase un dos principais obxectivos do EEES como é a mobilidade ademais de mellorar a cualificación dos titulados e facilitar así a súa posterior inserción no mercado laboral.
Todos os licenciados ou diplomados nos últimos cinco anos que o desexen poderán solicitar unha estadía de catro meses nun país de Europa para traballar nunha empresa vinculada á súa formación. Ademais de todos os gastos, a bolsa inclúe un curso de inmersión lingüística gratuíto.

Presentación do innovador programa

O programa foi presentado por José Luis Baltar, presidente da Deputación e Juan Francisco Gálvez, vicerreitor, no Edificio Xurídico Empresarial ante os decanos do campus, orientadores laborais do Servizo Público de Emprego e un nutrido grupo de alumnos.
O vicerreitor, Juan Francisco Gálvez, destacou que “somos o único campus galego que pode ofertar tantas bolsas no estranxeiro e iso é grazas ao apoio da Deputación, coa que coincidimos no interese polo traballo na provincia e que tamén colabora noutras múltiples actividades” explicou.. “A idea xurdiu cando o seu presidente, José Luis Baltar coñeceu o programa nunha viaxe a Bruxelas e quixo traelo para o campus, polo que é unha aposta persoal na que hai invertidas moitas horas de traballo e que supón unha oportunidade única que competitivamente non teñen os alumnos doutros campus” resaltou. Ademais engadiu que “sacamos agora 50 prazas porque remata unha convocatoria de exames e polo tanto haberá máis xente titulada, pero as becas non son só para os titulados de grao, tamén dos posgraos”.

O papel da Deputación

Pola súa banda, o presidente da Deputación, José Luis Baltar, expresou a súa satisfacción co proxecto porque “a través da Unidade de Promoción e Desenvolvemento levamos anos traballando en políticas activas de emprego enfocadas a diferentes sectores. Xa era hora de ter un programa específico dirixido aos licenciados universitarios, pois o futuro da provincia pasa porque sexamos capaces de forxar novas xeracións cada vez máis preparadas”. Adiantou tamén que “non vai ser algo illado, vai ter continuidade pois temos unha previsión duns 3 millóns de euros cofinanciados pola UE para achegar este programa a máis de 1000 universitarios nos vindeiros 7 anos”. Ademais, aproveitou a ocasión para “propoñerlle ao vicerreitor a creación dun observatorio socioeconómico que poña unha vez máis a capacidade investigadora do noso campus ao servizo do coñecemento da realidade e sirva de instrumento para a toma de decisións dende as institucións públicas. Gustaríanos que o primeiro estudo sexa sobre a inserción laboral dos universitarios para axustar programas como este á realidade do mercado” dixo.

Características da bolsa

José Juan Cerdeira, director da Unidade de Promoción e Desenvolvemento da Deputación, foi o encargado de explicar as características da axudas. O único requisito para optar a elas é ser licenciado ou diplomado e ter rematado a carreira nos últimos 5 anos. A primeira convocatoria para 50 prazas publicouse no Boletín Oficial da Provincia este 11 de febreiro, polo que o prazo para presentar as solicitudes serán os 15 días naturais posteriores a esa data.
En canto aos principais aspectos do proxecto, Cerdeira destacou que se trata “dun programa de emprego cofinanciado pola Unión Europea e novo para a UPD. Nel queremos que estean moi presentes as novas tecnoloxías para a súa difusión a través da web que se inaugura hoxe, onde tamén se presentarán as solicitudes”.
A estadía será de catro meses en calquera dos países da UE, preferiblemente Portugal, Italia, Francia, Alemaña, Grecia, Irlanda e Reino Unido onde o beneficiario da bolsa desenvolverá prácticas profesionais en empresas dun sector económico relacionado cos seus estudos e que será seleccionada pola propia Deputación. “Todas as titulacións do campus van ter convocatoria en proporción co seu número de alumnos. Agora ábrense 50 prazas e antes de que remate o ano abriranse outras 50. Terán maior peso para as titulacións que teñan máis importancia para o sector económico da provincia como poden os ámbitos agroalimentario, do termalismo ou das novas tecnoloxías” explicou.
As bolsas inclúen un curso de inmersión lingüística no idioma do país, unha dotación económica para aloxamento e manutención, o billete de ida e volta, os traslados de destino en transporte local e un seguro de enfermidade e accidentes.

Máis información