DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A institución destina 100.000 euros a bolsas complementarias para participantes no Erasmus+

Deputación e Universidade asinan un convenio para fomentar a mobilidade internacional do estudantado

Desde 2015, 547 alumnos e alumnas beneficiáronse destas axudas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Internacional
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Pontevedra 07/06/2021

Co obxectivo de fomentar a mobilidade internacional do estudantado dos campus de Vigo e Pontevedra, a Universidade de Vigo e a Deputación Provincial asinan anualmente, desde 2015, un convenio de colaboración que achega cada curso unha bolsa complementaria de 1000 euros a 100 alumnos e alumnas participantes en programas como o Erasmus+. Desde que se impulsou por primeira vez, esta liña de colaboración contribuíu a que 547 alumnos e alumnas puidesen realizar estadías formativas no estranxeiro, aos que se sumarán, no curso 2021-2022, os beneficiarios e beneficiarias do convenio asinado este luns polo reitor da UVigo, Manuel Reigosa, e a presidenta da Deputación Provincial, Carmela Silva.

Cunha dotación económica de 100.000 euros, este convenio permitirá outorgar un total de 100 axudas complementarias a estudantes que realicen estadías formativas no estranxeiro. Concretamente, 80 destas bolsas destinaranse a paticipantes no programa comunitario Erasmus+, mentres que as 20 restantes irán dirixidas a outras iniciativas de mobilidade internacional e aos  beneficiarios e beneficiarias das bolsas propias da UVigo para intercambios con países extracomunitarios. “Para nós é moi importante o apoio que nos presta a Deputación de Pontevedra”, salientou Reigosa na presentación deste convenio no Pazo Provincial, na que tamén participaron a vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, María Isabel Doval, e a deputada provincial de Emprego, Marta Giráldez.

O reitor, que previamente asinou no libro de honra da institución provincial, destacou que se trata dunhas axudas “cunha particularidade moi importante”, dadas as “dificultades que agora mesmo teñen moitas familias”, o feito de que as e os estudantes beneficiarios poidan recibilas “ao inicio da súa estadía”. Nesa mesma liña, Silva destacou que este convenio busca facer posible que o estudantado poida participar “nun dos proxectos máis fermosos que creou a Unión Europea”, como é o programa Erasmus, achegando axudas complementarias nun contexto marcado primeiro pola crise económica e posteriormente polas “repercusións económicas e sociais” da covid-19.

Construír a sociedade do futuro

Desde que foron impulsados por primeira vez en 2015, estes convenios fixeron posible a mobilidade internacional de 547 estudantes dos campus de Pontevedra e Vigo, que ampliaron os seus estudos en 26 países europeos, así como en universidades de Chile, Uruguai, Brasil, Corea do Sur, Perú e México. Dirixido principalmente a complementar as achegas que recibe o alumnado participante no programa Erasmus+, estas bolsas contribúen, como sinalou o reitor, a ampliar a formación de alumnos e alumnas “que van construír unha Europa moito mellor”. Reigosa destacou nese senso a “total sintonía coa Deputación” á hora de promover estadías internacionais que favorecen que o alumnado poida “ter unha visión bastante máis comprensiva e máis igualitaria”, e que polo tanto pode contribuír a “construír un futuro mellor”. Nese mesmo senso, Silva destacou que “nun mundo global, poder enriquecerte estudando noutros países”, ademais de ser “moi relevante” en termos formativos é tamén “un instrumento para que teñamos mentes máis abertas” e “mellores cidadáns e cidadás”. A presidenta da Deputación engadiu que se trata dun “dos convenios máis queridos” pola institución provincial dentro da “relación de colaboración moi directa” que mantén coa Universidade de Vigo e que permitiu “abrir as portas desta administración” ao coñecemento e ás ideas que se xeran na institución académica.