DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado de posgrao destas institucións realiza unha estadía no campus

Dereito estreita lazos coas universidades brasileiras de Londrina e Fluminense

Durante 15 días afondarán en técnicas de investigación avanzada

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Internacional
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 07/10/2019

A Facultade de Dereito do campus de Ourense recibiu estes luns unha delegación de alumnado e profesorado da Universidade Estadual de Londrina, en Paraná, e da Universidade Federal Fluminense, de Río de Janeiro, ambas de Brasil. Trátase dunha decena de persoas que durante 15 días realizarán unha estadía de investigación académica no centro ourensán.

Marta Fernández, decana da Facultade de Dereito, foi a encargada de dar a benvida ás e aos asistentes amosando “a satisfacción e o agradecemento do noso centro por acoller esta iniciativa”. A responsable subliñou como este tipo de actividades permiten á facultade “avanzar na transferencia de coñecemento, na internacionalización da investigación e na visibilización do centro alén da nosa contorna próxima”. A decana da Facultade de Dereito amosou a súa convicción de que “esta actividade contribuirá a abrir aquí durante estes días un espazo de colaboración, de diálogo e de reflexión crítica, un foro de intercambio de ideas, culturas e experiencias entre dous países que seguro que vai contribuír a enriquecer a investigación universitaria”. Amosando o seu desexo de que sexa unha visita “frutífera”, Marta Fernández animou ás e aos estudantes brasileiros a que no futuro volvan a esta facultade “a facer un período máis prolongado de investigación e poidan desenvolver as súas teses de doutoramento neste centro”.

Avanzando na colaboración

Pola súa banda, o profesor Gilvan Luiz Hansen, responsable da iniciativa pola parte brasileira, agradeceu o recibimento nun centro que “xa se converteu nunha segunda casa”. Segundo lembrou, a colaboración entre as dúas institucións brasileiras e a Universidade de Vigo comezou hai tres anos “cun enfoque algo diferente”. “A maioría das veces, as universidades asinan convenios que non saen do papel. Nós optamos por facer á inversa. Facer accións de integración para que cando iso se coloque no papel ter efectivamente un contido”, afirmou. Así, lembrou o docente brasileiro, profesorado da Universidade de Vigo xa ten realizado estadías nas dúas universidades brasileiras e viceversa, estando na actualidade consolidando esta colaboración. Ademais, lembrouse no acto de benvida, en abril deste ano a Facultade de Dereito do campus de Ourense acolleu a celebración do I Seminario Internacional sobre Democracia, Cidadanía e Estado de Dereito, nado da cooperación académica entre grupos de investigación das tres universidades implicadas.

Gilvan Luiz Hansen lembrou como ademais dos oito estudantes que participan nesta estadía procedentes do Mestrado en Dereito Negocial da Universidade Estadual de Londrina, que conta con arredor de 30.000 estudantes, na Facultade de Dereito de Ourense hai na actualidade dúas estudantes máis do Doutoramento en Dereitos, Institucións e Negocios da Universidade Federal Fluminense, que conta con arredor de 40.000 alumnos e alumnas, realizando neste último caso unha estadía de seis meses. Estas iniciativas, recalcou Hansen, enmárcanse “no proceso de internacionalización dos posgraos das universidades brasileiras”, que, indicou, “é importante para o fortalecemento da internacionalización das universidades” e para o fortalecemento das propias institucións académicas nun contexto global. Sobre a colaboración entre as dúas universidades brasileiras e a de Vigo, Gilvan Luiz Hansen indicou como “as tres universidades estamos dando pasos largos para facer un traballo de produción científica e académica na área xurídica que vai a ter moitos froitos no medio e longo prazo”, afirmou. Así o profesor amosou o seu desexo de que esta estadía “sexa moi proveitosa e que sexa non só un intercambio académico senón tamén cultural”.

Segundo explicou Guillermo Suárez, profesor responsable da iniciativa por parte da Facultade de Dereito de Ourense, as e os estudantes participantes “veñen facer unha estadía de 15 días sobre técnicas de investigación avanzada” e durante a súa visita “prestarémoslle asesoramento para que poidan realizar con éxito os seus traballos de investigación”. As actividades que se levarán a cabo serán concretamente un Curso de estudos especializados sobre fundamentos filosóficos e metodolóxicos da investigación xurídica: auga, sostibilidade e desenvolvemento e un Curso de estudos especializados sobre auga, sostibilidade e desenvolvemento desde unha perspectiva discursiva, ademais de realizar estudos e investigacións bibliográficas na Biblioteca Rosalía de Castro do campus e titorías con profesorado da Facultade de Dereito para o desenvolvemento de proxectos de investigación.