A Facultade de Comunicación acolleu unha xornada sobre o uso do galego na rede
Se desaparece o idioma, “desaparece a cultura galega”
O acto serviu tamén para presentar un boletín con contidos comunicativos nesta lingua
“Se desaparece o galego, desaparece a cultura galega”. Deste xeito puña o foco a vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, na importancia de impulsar iniciativas que contribúan o uso e difusión do idioma na apertura da xornada Comunica en galego, dirixida a dar visibilidade a medios de comunicación, creadores de contido e iniciativas dixitais nesta lingua. Coordinada polo profesor da Facultade de Comunicación Xosé Baamonde, esta actividade contou coas intervencións da coordinadora da revista Vinte, Vanesa Vázquez, o deseñador web e emprendedor Anxo Sánchez, o activista dixital Carlos Vieito e o reporteiro e editor de OU ké! Adrián Reis.
Despois de que o informe publicado nese mes de outubro polo Instituto Galego de Estatística (IGE) sinalase un descenso do uso do galego entre a poboación máis nova, esta xornada buscou “dar visibilidade á xente que traballa a prol de galego” e que, subliñou Baamonde, contribúe a que o idioma "estea moi vivo”. Nese senso, pese a que os datos publicados polo IGE son “preocupantes”, como recoñeceu a vicerreitora de Extensión Universitaria, existen tamén “portas á esperanza” como o “pulo que está a ter” no eido da cultura, sostivo. “O galego non hai que impoñelo, o galego hai que sentilo”, defendeu Reboreda, quen recoñeceu que se as cifras de diminución do seu uso entre a xente máis nova “continúan”, o idioma “acabarase extinguindo” e con iso, subliñou, “a cultura galega acábase”.
De aí que outro dos propósitos da xornada fose animar os futuros e futuras profesionais que se forman na facultade a comunicar en galego, o que levou á vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, a lembrarlles “a importancia que teredes na difusión” do idioma. “É a nosa raíz, a nosa identidade, polo que loitemos por el, porque é o noso pasado, parte do noso presente e tamén o noso futuro”, sostivo. Nesa mesma liña, a secretaria académica da facultade, Silvia García Mirón, salientou que, se ben os datos do IGE “son realmente alarmantes”, é preciso “non deixarnos arrastrar” e promover iniciativas que contribúan “no día a día a que o uso do galego se estenda”.
Con ese obxectivo, Reboreda e Baamonde presentaron neste encontro Feito na casa, unha newsletter promovida pola facultade coa colaboración da Vicerreitoría de Extensión Universitaria, que reúne un conxunto de "contidos en galego referidos ao mundo profesional da comunicación”, como podcast, festivais de curtametraxes, webseries ou iniciativas publicitarias e de imaxe de marca.
Os “retos e oportunidades” do galego na rede
No primeiro relatorio da xornada a tamén redactora de Praza.gal Vanesa Vázquez presentou o proxecto de Vinte, “un medio pensado para a xente nova”, que busca “saírse do guión marcado e intentar dar sempre un enfoque distinto”, algo que, subliñou esta egresada da facultade, “pódese facer en calquera lingua e nós apostamos polo galego”. Xurdido dun traballo de fin de grao nesta facultade, a traxecetoria de OU ké! foi abordada por Adrián Reis, que explicou como naceu en 2023 co foco posto nas eleccións municipais en Ourense e como logo “foi crecendo” dando lugar a varios programas. “Comunicar en galego non debería ser unha odisea, pero tampouco algo loable, senón algo natural", sinalou este filólogo, que incidiu na importancia de que o idioma teña unha serie de “espazos para ser recibida e transmitida”.
Como explicou Baamonde, Comunica en galego buscou nesta edición por tamén o foco noutro tipo de profesionais da esfera dixital, como Anxo Sánchez, quen presentou ao alumnado unha “serie de retos e oportunidades para facer proxectos en galego en internet”, recoñecendo a existencia de problemas en eidos como as ferramentas de busca, mais tamén dun “océano azul" de oportunidades, xa que no referido ao impulso de proxectos de márketing dixital nesta lingua "está case todo por facer”. Impulsor de diferentes iniciativas a prol do uso do galego en redes sociais, Carlos Vieito presentou nestas xornadas unha serie de “experiencias nas que se lle dá valor a outras linguas propias, a pesar de que economicamente non sexa o máis rendible”, así como algunhas das iniciativas que levou a cabo, co obxectivo de amosar o estudantado que “todo o mundo pode achegar o seu gran de area”.