DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O obradoiro da Cátedra Fenosa abordou os desafíos da eliminación do dióxido carbono 

A descarbonización do transporte, unha carreira contra reloxo  

Organizado por X. Labandeira e J. Añel, contou coa participación da economista Georgina Santos 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 26/10/2018

“O transporte emite CO2 e se a temperatura media global aumenta máis de 2ºC as consecuencias poden ser malas a catastróficas”. Así comezou a economista da Universidade de Cardiff Georgina Santos a súa intervención esta mañá no obradoiro da Cátedra Fenosa, que nesta ocasión se centrou na descarbonización do transporte, unha cuestión sobre a que tamén presentaron as conclusións das súas investigacións os directores da cátedra, Xavier Labandeira e Juan Antonio Añel e sobre a que versou unha mesa redonda na que tomaron parte representantes da Autoridade Portuaria de Vigo e Naturgy, ademais de Santos e Labandeira. A economista arxentina incidiu na súa exposición en que o sector do transporte é a maior fonte de emisións de CO2 en Europa e “é responsable do 27% do total das emisións de CO2 na UE, con coches e camións emitindo 2/3 deste 27%, o que representa o 18% do total das emisións de CO2”, asegurou Santos, que advertiu da necesidade de actuar con rapidez para descabonizar o transporte porque “a ventá de tempo que temos é chica e o dióxido de carbono que podemos emitir se nos está a acabar”.

Na inauguración do obradoiro a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo e o delegado de Naturgy en Galicia incidiron na importancia de que “existan iniciativas como a Cátedra Fenosa na que se dan a man os ámbitos científico e xurídico social para investigar en cuestións de gran relevancia para a sociedade”, asegurou Mónica Valderrama. Pola súa banda, Manuel Pellicer referiuse ás frontes medioambiental, sociosanitaria, regulatoria, tecnolóxica e económica á hora de encarar o proceso de descarbonización.

Da reforma da fiscalidade sobre o transporte ao cambio climático na conca Miño-Sil

Pola súa banda, os directores da Cátedra Fenosa presentaron no transcurso da xornada os resultados dalgúns dos traballos realizados este ano, como o referido á crise e reforma da fiscalidade sobre o transporte rodado. Partindo da idea de que a fiscalidade no transporte está a presentar certos síntomas de esgotamento nos países desenvolvidos e particularmente no caso español, tanto no referido ao limitado da súa capacidade para corrixir os efectos negativos asociados ao seu uso (conxestión, contaminación local), pola escasa relación destes problemas coas bases gravadas (compra de vehículo, carburantes); así como pola negativa evolución da súa capacidade recadatoria, a investigación documenta este dobre fenómeno e apunta as súas causas, ademais de propoñer alternativas. “En particular avanzamos no deseño e implementación dun imposto sobre o uso do vehículo, capaz de discriminar xeográfica e temporalmente a través de procedementos de xeolocalización, que sexa quen de mellorar considerablemente os resultados da tributación actual”, explica Xavier Labandeira.

Xunto á reforma da fiscalidade sobre o transporte público, o cambio climático e a precipitación extrema na conca Miño-Sil; a predición meteorolóxica estacional e subestacional aplicada á produción de enerxía eólica e a valoración da capacidade dos modelos climáticos para predicir ventos no futuro na península ibérica, son outros temas abordados nos traballos de investigación desenvolvidos nos últimos meses pola Cátedra Fenosa, cuxos directores avanzaron este venres algunhas conclusións. “O número de casos de ata 30 días consecutivos sen chover na conca Miño-Sil duplicouse nos últimos 50 anos”, confirmou Juan Añel, que tamén puxo o acento sobre a necesidade de modelos con gran detalle espacial para ter en conta mellor o impacto da orografía nas precipitacións no futuro. A escaseza de estudos sobre predición subestacional e que os que existen non se trasladen á practica de produción eólica; a necesidade de que se realicen máis estudos sobre secas de vento; así como o carácter rexional dos cambios que na produción eólica a futuro na península ibérica, de xeito que haberá rexións que se verán beneficiadas e outras prexudicadas, son outras conclusións dos estudos desenvolvidos por Añel e Labandeira á fronte da Cátedra.

Unha descarbonización posible pero que non se pode adiar

Tras confirmar que o sector do transporte foi o único no que as emisións de CO2 aumentaron e segue a incrementarse, comparado cos niveis de 1990, a economista Georgina Santos asegurou que “a redución de emisións non se pode acadar con melloras incrementais na eficiencia dos motores de combustión interna e existe un límite nas melloras á eficiencia e ese teito xa case se alcanzou”. Santos explicou que para acadar os obxectivos do Acordo de París o transporte rodado necesita ser descabonizado para o ano 2050 e nese proceso os actores responsables enfrontan serios desafíos.

“As compañías petroleiras para sobrevivir deben diversificarse, pero isto implica reiventarse e basicamente deixar de ser compañías petroleiras”, asegurou a economista arxentina, que no caso doutros actores como a industria automotriz, as e os consumidores e os gobernos, considera que enfrontan un problema común que é o do custo das tecnoloxías limpas, “que son moi caras”. Neste sentido, Santos lembrou, que aínda que a Energy Agency sinala que para o ano 2030 os coches eléctricos e os híbridos enchufables serán completamente competitivos cos vehículos de combustión interna en Europa, a realidade que é que a día de hoxe aínda non o son e as e os consumidores non poden compralos.

“A clave está nos gobernos, que teñen que cambiar os prezos relativos aumentando impostos aos autos de combustión interna e á gasolina e gasóleo e subsidiando os coches eléctricos para poder darlle a volta á balanza”, asegurou Georgina Santos, que rematou a súa exposición urxindo a acelerar a descarbonización, “por que tempo que temos se nos está acabar”, asegurou a investigadora.