DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Javier Martínez de Orueta falou este xoves no campus sobre a observación do ceo

Descifrando a linguaxe das nubes

O divulgador explicou algunhas claves para interpretar a información que ofrecen sobre o clima

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
DUVI 22/02/2018

A Facultade de Ciencias do campus de Ourense acolleu este xoves a conferencia A linguaxe das nubes, organizada polo Grupo Ephyslab da Universidade de Vigo. Nela, o divulgador Javier Martínez de Orueta falou da súa gran paixón, a observación do ceo e máis concretamente das nubes. Ao longo da súa conferencia, este técnico superior en Saúde Ambiental e grande afeccionado á meteoroloxía, fixo un percorrido visual por imaxes de diferentes ceos para amosar como detrás da súa beleza se agocha moita información útil para coñecer o tempo que vai haber a curto prazo.

A clave, explicou durante a súa intervención ante o alumnado e profesorado asistente, é saber interpretar o que se está vendo, descifrar os datos que hai detrás desa beleza. “As nubes non están no ceo porque si e non se dispoñen ao azar. Dependendo de se teremos bo tempo ou mal tempo teremos un tipo de nubes ou outras”, afirmou Martínez. Así, sinalou como exemplo, as nubes en forma de algodón, as cumulus humillis, son un tipo de nubes que nos indican estabilidade atmosférica, é dicir, son indicadoras de bo tempo.