MAX APP financiouse a través da Cátedra Feminismos 4.0 Depo-UVigo
Deseñada na UVigo a primeira app en Galicia para coordinar os profesionais que traballan con mulleres vítimas de violencia de xénero
O proxecto, en fase piloto, recibiu un premio no Congreso Internacional de Traballo Social
Hai case un ano, en xullo de 2023, arrancaba o traballo que meses despois permitiu materializar MAX APP, a primeira app móbil en Galicia pensada para coordinar ás e aos profesionais de diferentes ámbitos que interveñen na atención a mulleres vítimas de violencia de xénero. Liderado polas docentes e investigadoras Iria Vázquez Silva e Carmen Verde Diego e coa participación das tamén investigadoras da UVigo Sabela Pérez Martín e Paula Frieiro, o proxecto Deseño de APP Móbil. Mellora na atención e coordinación en violencia de xénero MAX APP viu a luz froito dunha axuda á investigación da Cátedra Feminismos 4.0 Depo-UVigo e comezou a tomar forma a partir das necesidades expresadas polos profesionais que atenden ás mulleres vítimas de violencia de xénero, en dous grupos de discusión organizados polas promotoras do proxecto.
Recentemente galardoado no V Congreso Internacional de Trabajo Social. celebrado en Málaga, MAX APP é un proxecto piloto, que as súas creadoras queren agora testar para seguir mellorándoo, ao tempo que xa iniciaron os trámites para rexistrar a patente. Este mediodía no edificio Redeiras, as responsables do proxecto, acompañadas da directora da Unidade de Igualdade da UVigo, Águeda Gómez Suárez e a deputada de Igualdade e Benestar Social, Mª Sandra Bastos Míguez, presentaron os avances do proxecto, nun acto ao que asistiron profesionais de diferentes eidos da atención a mulleres vítimas de violencia de xénero.
Unha app simple, que mellore a coordinación
Na súa intervención, Iria Vázquez lembrou as orixes do proxecto, poñendo en valor as achegas dos grupos de discusión formados por profesionais dos eidos social, xurídico, sociosanitario ou policial que lles trasladaron as súas demandas co obxectivo de mellorar a atención que prestan ás vítimas de violencia de xénero. “Mellorar aspectos como a coordinación entre os diferentes ámbitos profesionais que interveñen na atención ás vítimas, o seguimento dos casos con información compartida, a atención psicolóxica ou un enfoque máis interseccional foron as melloras iniciais solicitadas no grupo de discusión, no que se tivo en conta a presenza de representantes dos ámbitos rural e urbano, mulleres inmigrantes ou persoas con discapacidade”, explicou a investigadora do Departamento de Socioloxía, ciencia política e da administración e filosofía.
A investigadora da UVigo tamén destacou a demanda de simplicidade trasladada polos colectivos que participaron no grupo de discusión á hora de deseñar a app, un proceso que valora de xeito moi positivo, tanto polos obxectivos acadados “co tempo e recursos cos que contabamos, e por iso queremos divulgala para que as institucións públicas valoren poñela en marcha”. Para Iria Vázquez é fundamental acadar unha mellor coordinación e seguimento dos casos de violencia de xénero, como demandan as e os profesionais, evitando a dobre vitimización á que moitas veces se ven abocadas as mulleres en situación de violencia. “En Galicia non existe unha app pensada para o uso por parte de profesionais do eido sanitario, xurídico, social e policial, como moito, existen aplicacións específicas nalgún destes campos, pero a novidade da MAX APP é que está pensada para a coordinación entre diferentes eidos de atención”, destaca.
Pola súa banda, a docente e investigadora do Departamento de Análise e Intervención Psicosocioeducativa da UVigo Carmen Verde destacou na presentación da app, o traballo e capacidade de formación de persoal investigador do Grupo de Estudos en Traballo Social, ao tempo que destacou as súas liñas de traballo, “todas con perspectiva de xénero”. Logo de lembrar o recoñecemento internacional acadado por MAX APP en Málaga, Verde agradeceu o traballo das e dos integrantes dos grupos de discusión, “as e os verdadeiros protagonistas que participaron na construción da aplicación”.
Aposta institucional pola igualdade
Na súa intervención, co gallo da presentación da app, a directora da Unidade de Igualdade da UVigo agradeceu o apoio da Deputación de Pontevedra a través da Cátedra Feminismos 4.0 Depo-UVigo, “que é un viveiro de proxectos con perspectiva de xénero, que dá froitos que se traducen en transferencia de resultados que se poderían ver na realidade”. Águeda Gómez tamén amosou a súa satisfacción se MAX APP acada a que sería primeira patente no ámbito da Cátedra.
Pola súa banda, a deputada de Igualdade e Benestar Social, Mª Sandra Bastos Míguez, felicitou ás promotoras da app polo recoñecemento internacional acadado no Congreso Internacional de Trabajo Social e reiterou a necesidade “dunha maior coordinación no tratamento da violencia de xénero contra as mulleres”. Neste sentido, Bastos referiuse a MAX APP, como “moi necesaria”, ao tempo que confirmou que “seguiremos apostando pola cátedra e pola igualdade”.