DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco dun proxecto de investigación Inou

Deseñan un sistema óptico que permite tomar medidas de contaminación de augas desde un drone

Trátase dunha iniciativa do grupo de Óptica Física

Etiquetas
  • Medios
  • PDI
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 27/06/2018

Membros do grupo de Óptica Física da Universidade de Vigo, con sede na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense, deseñaron e construíron un sistema óptico, sensible e de baixo custo, para medir desde vehículos aéreos non tripulados o tipo e o grao de contaminación de augas de mares, ríos, lagos ou pantanos. 

O proxecto, que foi financiado pola convocatoria 2017 de axudas a proxectos de investigación Inou da Vicerreitoría do Campus de Ourense e a Deputación Provincial, foi desenvolvido polos membros do grupo Daniele Tommasini, Humberto Michinel, José Ramón Salgueiro, Ricardo Javier Bendaña e Alicia Vázquez e levou por título Realización dun sistema óptico montado nun drone para medidas de contaminación de augas. O traballo, subliñan, está relacionado coa auga e a enxeñaría aeroespacial, tendo polo tanto especial interese para o campus de Ourense pola súa vinculación con estas temáticas a través do Campus da Auga e da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo.

“Deseñamos, e montamos nun drone, un dispositivo seguro e de baixo custo que proporciona un diagnóstico inmediato das augas consideradas”, sinalan os investigadores e a investigadora. Sobre a relevancia deste traballo, os responsables do proxecto sinalan como “a medida de posibles contaminantes nas augas é de enorme interese para o medio ambiente” xa que, apuntan, detectar contaminación nun corpo de auga é o primeiro paso para poder proceder á súa limpeza ou realizar as tarefas necesarias de saneamento e prevención na medida en que axudará a coñecer as posibles fontes de contaminación. 

A fluorescencia como método de detección e identificación

O sistema deseñado neste proxecto, indica o equipo do grupo de Óptica Física, emprega a fluorescencia como método de detección e identificación de diferentes tipos de aceite que poidan contaminar a auga. A fluorescencia, detallan, “é a absorción de luz dunha determinada lonxitude de onda seguida da emisión de radiación dunha lonxitude de onda maior”. A maioría dos tipos de sustancias contaminantes, como os aceites, comentan os investigadores e a investigadora, “absorben fortemente luz ultravioleta e xeran patróns de fluorescencia no visible ou no ultravioleta próximo. Os sensores de fluorescencia permiten distinguir diferentes tipos de sustancias e, en contraste co resto dos métodos, son capaces de detectar aceite no xeo ou na neve”.

O aparello deseñado no traballo consta dunha fonte Led, dun espectrómetro de fluorescencia como detector e dun sistema de amplificación do sinal para illalo do fondo ruidoso. Estes elementos están controlados por un procesador cunha antena emisora. “Deste xeito, os datos recíbense en tempo real axilizando o proceso de verificación de augas”, apuntan a e os investigadores. Tamén destacan como o sistema se deseñou pensando en pousar o drone na superficie de auga a estudar para tomar unha medida, polo que se lle engadiu ao drone un sistema de flotación. 

Nun futuro próximo, adiantan os responsables da iniciativa, “pensamos en modificar o sistema de recollida de datos para poder facer un barrido sen necesidade de pousar o drone”. Con isto, detallan, adquiriranse varias vantaxes, como unha maior velocidade de adquisición de puntos de medida e polo tanto unha maior velocidade de diagnóstico de contaminación das augas ou un maior número de puntos de medida e polo tanto unha maior precisión no diagnóstico.