DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Deseñar un logo para a empresa Tórculo, novo reto para os alumnos de Belas Artes e de Publicidade e Relacións Públicas

A empresa lanza un concurso dotado cun premio de 3.000 euros

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Ana Terceiro DUVI 20/12/2007

Deseñar un logotipo que logre resumir a traxectoria da empresa Tórculo Artes Gráficas é o reto que se lles formula aos estudantes, sobre todo aos de de Belas Artes e de Publicidade e Relacións Públicas, no concurso Deseña que esta empresa de artes gráficas está a organizar baixo o lema 25 anos de boas impresións. O proxecto gañador acompañará as actividades de Tórculo ao longo de todo o 2008.
Segundo explicou a responsable de Marketing de Tórculo, Ángeles Montecelo, “primeiro fíxose un concurso interno entre os traballadores para sacar o lema e a partir de aí xurdiu a idea de convocar este certame para apoiar aos xoves deseñadores e festexar este 25 aniversario”. Aínda que se trata da primeira edición, a intención é convertelo nunha cita anual para os deseñadores noveis e, deste xeito, dar un pulo ao deseño galego.
Esta iniciativa está dirixida a todos aqueles que queiran dedicarse ao deseño e “especialmente aos alumnos de Publicidade e Relacións Públicas e aos estudantes de Belas Artes do campus de Pontevedra, que poderán dar os seus primeiros pasos profesionais aproveitando esta oportunidade”, engadiu Ángeles Montecelo.

Un premio de 3.000 euros

No concurso poderán participar aqueles deseñadores menores de 35 anos, non se aceptarán traballos realizados por empresas e optarase a un primeiro premio dotado con 3.000 euros. O gañador cederá a propiedade intelectual do logotipo e da peza gráfica a Tórculo Artes Gráficas, quen integrará o uso desta imaxe na súa identidade gráfica.
Para elixir o traballo premiado contarase cun xurado de recoñecido prestixio formado polo director da Cadena Ser Santiago, Javier Otero; Pepe Barro de Revisión Deseño; Chema Díaz da axencia de publicidade Bap Conde; o director do Correo Gallego, José Manuel Rey; e o deseñador, debuxante e ilustrador, Fausto Isorna.

Requisitos

Os participantes crearán un logotipo e unha peza gráfica (en formato A3) que deberán versar sobre o significado da empresa Tórculo e a súa evolución baixo o eslogan 25 anos de boas impresións. Os traballos deberán ser entregados en formato dixital xunto cun sobre onde se especifiquen os datos persoais do concursante (nome, apelidos, dirección e teléfono de contacto).
O prazo de presentación finaliza o próximo 30 de xaneiro de 2008 e o nome do gañador farase público na web da empresa www.torculo.com no mes de febreiro.