DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Sete artistas e deseñadores foron convidados a realizar unha interpretación dun vehículo da marca

Un deseño da profesora Ana Soler gaña o concurso Lexus Art Car

O seu proxecto ‘Bluz’ participará agora no certame europeo 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Premios
  • Cultura
DUVI Pontevedra 22/05/2019

Facer “visible o invisible” foi a premisa baixo a que a artista, profesora da Facultade de Belas Artes e directora da Área de Imaxe da Universidade, Ana Soler, deu forma a Bluz, o proxecto co que se proclamou gañadora do concurso Lexus Art Car, un certame no que esta marca de coches convidou a sete artistas e deseñadores de diferentes puntos de España a realizar unha interpretación artística do seu novo modelo Lexus UX 250 h híbrido. Tras ser seleccionada como gañadora a través dunha votación na que participaron máis de 3200 persoas, o deseño de Soler foi fabricado e presentado este mes no salón do automóvil de Barcelona, para participar posteriormente, no mes de xuño, no certame internacional Lexus Car Art Europa, xunto ao resto de proxectos gañadores nos concursos levados pola firma en diferentes países países. 

1800 varas de fibra carbono para representar o aire

Presentado en febreiro na última edición da feira de arte contemporánea Arco, en Madrid, Lexus seleccinou para participar neste certame aos artistas e deseñadores Marta Alonso e Imanol Yebra, de Mayice Studio; Trini Salamanca e Pablo Párraga; Ana Milena Hernández e Christophe Penasse, de Masquespacio; Zaida Sabatés, Ana Roquero e Francisco Segarra, ademais da artista e investigadora do grupo dx5 da Facultade de Belas Artes. A todos eles se lles convidou a desenvolver unha “interpretación en técnica libre sobre que significa para eles o novo modelo de Lexus”, partindo dos piares de tecnoloxía, deseño, innovación e detalle, segundo informou a firma. 

“Pensei en que non quería cambiarlle a pel ao coche, senón pensar máis ben na súa aura”, apunta Soler, quen partiu da idea de movemento que implica un vehículo e do túnel do vento no que se realizan as probas dos novos deseños como ideas de partida no seu propósito de tratar de representar “aquilo que non se ve”. O seu propósito, explica era o de tentar plasmar o aire e o vento como “vectores trazados no espazo”, valéndose de 1800 varas de fibra de carbono con pintura fluorescente que se insiren no coche perforando a súa carrocería e que se iluminan a través de luz ultravioleta. “Intentei debuxar a velocidade e por outro lado deter o tempo”, explica esta artista que con ese propósito presentou un proxecto que emprega tamén leds, luz ultravioleta e unha máquina de fume situada baixo o vehículo coa idea de transmitir, presentando o coche nunha contorna coa máxima escuridade, esa idea do “tempo detido ou expandido”, de plasmar a “estela” que deixa na memoria a imaxe dun coche en movemento. A súa proposta completábase así mesmo coa colocación no interior do vehículo dunha serie de burbullas transparentes co propósito de “visualizar o osíxeno, esa parte digamos máis virtual do aire”. 

O “valor engadido” que supón a arte

Despois de que a súa proposta fose a seleccionada grazas ás votacións do público, Bluz foi levado á realidade por Soler o equipo de mecánicos do Grupo Breogán para presentarse por primeira vez neste mes de maio no salón Automobile Barcelona. A súa proposta, na que Soler tratou de trasladar ese “valor engadido que dá arte, que conecta co sentimento, cos emocións, co ser humano” nun proxecto que levaba a creación artística ao terreo do deseño, competirá agora na fase internacional deste certame, que se desenvolverá en xuño en París.